Análises Replay, a viaxe histórica que tamén importa

Replay, a viaxe histórica que tamén importa

Hai uns anos, era habitual que se dera un dos momentos máis transcendentais para un adolescente: recibir como regalo a súa primeira consola. Podía ser tamén un PC ou algún outro aparello similar, pero que ao final, era chamado polo núcleo familiar “a maquinita”. Un termo bastante descritivo a fin de contas. A día de hoxe, no que un rapaz medra cunha pantalla entre as mans é máis difícil poder saber cando bota un a súa primeira partida a un videoxogo, aínda que esta poida ser unha lembranza ben querida por moitos no pasado.

Replay: A historia dos videoxogosé un relato perfectamente medido, fascinante a ratos, sobre o nacemento e a evolución desa industria do entretemento que acabou por converterse nunha cultura e nunha arte en si mesma. Unha viaxe ás entrañas da era dixital a través dun traballo de investigación minucioso e acertado, con máis de 140 entrevistas a algunhas das figuras máis relevantes dentro do videoxogo. Como puideron as maquinitas dominar o mundo? Por que hai varias en cada fogar? Cando empezou a mover máis cartos que o cine? Como se pasou dunha bola e dúas liñas verticais a vastos mundos de gráficos hiperrealistas?

A todas esas cuestións vai respondendo Tristan Donovan, escritor, xornalista e divulgador; e faino dunha maneira veraz, contrastada e atraínte. Replay permite ao lector obter unha perspectiva histórica, necesaria, para poder entender o impacto da cultura gamer, a cultura do videoxogo, na sociedade dos séculos XX e XXI. A día de hoxe, é tan importante saber quen é o creador de Mario Bros coma coñecer á escritora de Harry Potter. Ambos son elementos tan constantes no noso subconsciente que é impensable que unha persoa menor de cincuenta anos non poida describir ambas personaxes.

Non, non é necesario ser un entendido dos videoxogos para botarlle o dente ao libro de Donovan, editado en castelán por Heroes de Papel non hai moito. É máis, pode que o profano a este mundo virtual poida desfrutalo aínda máis, ao presentarse como unha obra amena e para todos os públicos, que non se estende demasiado en posibles divagacións, e prefire coller ao toro polos cornos e narrar os feitos segundo sucederon. Nas páxinas asómase un ton livián, case didáctico, que se amplía a través dos numerosos pes na marxe inferior.

Ademais desta viaxe histórica, Donovan propón outro recorrido, tamén ambicioso, e que ocupa case cincuenta páxinas ao final do libro. Unha “Xogografía” que reecopila por xéneros os títulos máis relevantes e importantes da nosa historia. Un auténtico dicionario que inclúe unha breve descrición (feito destacable), así como a súa data de lanzamento e a compañía encargada da súa creación. Fará as delicias de moitos o buscar o xogo da súa infancia entre os centros que se presentan. Tamén ofrece sorpresa, ao estar presente a posibilidade de lembrar algún título esquecido, ou, simplemente, perdido no tempo.

Tamén se inclúe un “Glosario de hardware“, coas plataformas nomeadas ao longo do libro, e unha sección inabarcable de “Referencias” que permite afondar aínda máis na temática da obra de Donovan.

Replay non é a obra definitiva sobre a historia dos videoxogos, unha tarefa enciclopédica case imposible que xa tratou de traballar no seu día  Steven L. Kent en The Ultimate History of Video Games. Con todo, é unha xenial aproximación a todo eloUn resumo agradable que traza as imaxes dos diferentes períodos que foron sucedéndose nas últimas décadas, e pode aporta un bo relato sobre que moveu aos creadores de cada época e por que o público quixo aceptar este novo produto de entretemento. Quen puido resistirse a botar unha partida ao Tetris?

 

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *