Actualidade The Game Awards anuncia a súa celebración e promete máis detalles na Gamescom 2020

The Game Awards anuncia a súa celebración e promete máis detalles na Gamescom 2020

Entre cancelacións de eventos e atrasos no lanzamento de títulos, a industria do videoxogo viviu dun xeito máis que particular este ano 2020. É difícil dicir se se aprecia a luz ao final do túnel, pero parte do sector quere tratar de recuperar certa normalidade; quizais non a que coñeciamos, pero si unha máis segura para todos. Geoff Keighley, nunha entrevista con IGN, anunciou que si haberá gala de The Game Awards, aínda que non poderá ser como outros anos.

«Obviamente non imos ter a 10 mil persoas xuntas nunha habitación, fisicamente, para o show, pero creo… saberedes un pouco máis na Gamescom. Definitivamente imos facer algo máis que sentar nunha habitación, anunciando gañadores. Apaixóname moito seguir adiante co show ao vivo, no canto de algo gravado. Así que si, estamos a planear algúns escenarios nos que podamos mostrar algo de espectáculo en vivo, sen público que poida comprar boletos e cousas desas, este ano», explica o xornalista e anfitrión principal da gala.

Os Game Awards de 2020 serán a sétima entrega consecutiva dun evento que viu a luz no 2014, cita que ademais de servir de escenario para entregar diversos recoñecementos tamén serve de escaparate para importantes anuncios. O ano pasado, por exemplo, foi presentada a Xbox Series X.

Sexa como for, haberá que estar atentos á Gamescom 2020 para coñecer máis detalles, cita que abrirá as súas portas o 27 de agosto, ás 19.30 horas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.