Actualidade Non haberá novidades públicas de Final Fantasy XVI até primavera do ano que vén

Non haberá novidades públicas de Final Fantasy XVI até primavera do ano que vén

Naoki Yoshida, produtor da saga Final Fantasy, fixo público un comunicado a través da conta oficial de Twitter de Final Fantasy XVI no que explica que non haberá noticias nin imaxes novas do título até, polo menos, o ano que vén.

«Prometera máis información sobre Final Fantasy XVI a finais de 2021. No entanto, lamento informarvos de que non poderei cumprir esa promesa por mor das complicacións que xurdiron por mor da pandemia da Covid-19, que atrasaron o desenvolvemento do xogo ao menos medio ano», reza a mensaxe. De novo, a crise sanitaria lastra o desenvolvemento dunha obra.

Square Enix pasou boa parte do ano 2021 tentando convivir coa Covid-19 e o seu traslado ao mundo laboral, mais semella que a compañía non atopou o equilibrio que permita un desenvolvemento de proxecto ao mesmo nivel que antes da pandemia. Na primavera, en principio, debería haber novidades.

Final Fantasy XVI será a seguinte entrega da lendaria saga de JRPG creada por Square Enix. Estará dirixida por Hiroshi Takai e Naoki Yoshida —que tamén dirixe o exitoso Final Fantasy XIV— e será exclusiva, polo menos por un tempo e para consolas, de PlayStation 5.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.