Actualidade Overwatch 2 atáscase na indiferencia

Overwatch 2 atáscase na indiferencia

A súa presenza na BlizzCon 2019 estaba tan asegurada e filtrada que até o máximo responsábel do estudio encargado do seu desenvolvemento chanceou con este asunto sobre o escenario. Overwatch 2 fíxose público presentando un adianto cinemático e uns minutos de gameplay para dar a coñecer os seus novos modos de xogo. O problema? A razoable dúbida de se de verdade era precisa unha continuación tan pouco rupturista como parece que esta será.

Entre as novidades sobresaen un novo modo multixogador cooperativo para catro xogadores que permitirá loitar hordas de inimigos nunha gran variedade de escenarios, entre os que aparecen Toronto, a Ruta 66 ou Río de Janeiro. Ademais, os xogadores poderán gozar dun modo campaña no que irán tomando o control dos distintos heroes e loitarán por derrotar ás forzas ómnicas de Null Sector.

O novo título, porque si, será un novo xogo con todo o que iso supón, manterá todos os heroes, mapas e modos do xogo orixinal, malia que tamén incorporará novos personaxes, localizacións e o mapa avance, unha competición entre dous equipos cun robot que vai empuxando o obxectivo cara ao lado do equipo inimigo. Blizzard confirmou que os logros e as coleccións de botín dos xogadores de Overwatch conservaranse neste futuro capítulo. Mesmo poderán xogar nos mapas compartidos entre os dous xogos.

Contra o final da presentación, Jeffrey Kaplan confirmou algunhas das dúbidas máis repetidas nas redes estas última semana, pero as súas respostas non remataron por convencer  a un público que vía que tería que volver sacar de billeteira para mercar un xogo moi similar ao xa existente, que responde máis a unha expansión que a unha obra orixinal como definición —os mornos aplausos deron boa conta disto—.

Sen data de lanzamento de Overwatch 2, nin tampouco plataformas confirmadas fóra da Nintendo Switch, poderíase pensar que o título chegará para a estrea de PlayStation 5 e Xbox Scarlett, amais de para PC. Na feira, os asistentes xa están xogando o título.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.