Actualidade A actualización Wastelanders do Fallout 76 atrásase até o 2020

A actualización Wastelanders do Fallout 76 atrásase até o 2020

Bethesda anunciou hai unhas horas. a través de un comunicado oficial, que a actualización Wastelanders para Fallout 76 non verá a luz este ano tal e como estaba previsto.

O novo contido foi presentado durante este verán, no marco do E3, e a súa chegada tería que se este outono, pero haberá que agardar algúns meses. A actualización, de gran tamaño, engadirá os demandados NPCs, inexistentes na versión actual.

No seu blogue, a compañía americana sinala que precisa «máis tempo para que sexa a mellor actualización e a máis puída». En teoría, sen unha data definida no calendario, Wastelanders fará a súa aparición ao longo do primeiro trimestre do 2020.

Ora ben, non todo son malas novas. Bethesda tamén confirmou a dispoñibilidade, a partir da semana que vén, da creación de servidores privados. Por unha cantidade de diñeiro —sen especificar—, os usuarios poderán realizar as súas actividades en contornas privadas xunto aos seus amigos, sen a necesidade de enfrontar ou atopar a estraños no mapa.

Porén, e sen ter en conta o atraso de Wastelanders, a compañía responsábel do xogo si ten pensado publicar parches menores e corrixir bugs que poidan estropear a experiencia do xogo nos vindeiros meses.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

1 Comentario
  1. […] dun movemento un tanto estraño por parte de Bethesda, que hai uns días anunciaba o atraso da gran actualización Wastelanders, que se esperaba para este outono e que se foi até o ano que […]

    Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *