A batalla entre Plantas e Zombis estala en Neighborville
PopCap, estudio propiedade de Electronic Arts, presentou este mércores Plants vs Zombies: A Batalla de Neighborville, o novo videoxogo da famosa franquía de vexetais. A compañía quere dar a benvida aos xogadores a Neighborville, unha rexión suburbana onde o enfrontamento entre flora e mortos viventes é todo un acontecemento.
A acción frenética que algúns amantes do xénero shooter gozaron con Plants vs Zombies trasládase a Giddy Park, un terreo no que poder dar renda solta a batallas multixogador ou usar o taboleiro social para interactuar e agruparse con outros xogadores. Serán tres as rexións dispoñíbeis, como o popular Centro da Cidade de Neighborville ou a periferia, onde se atopan o cálido e desértico Mount Steep e as estrañas rexións de Weirding Woods.
Esta nova entrega toma o seu modo multixogador como a base central da diversión que pode ofrecer. Os usuarios poderán combater con até 20 tipos de personaxes totalmente distintos, incluíndo vellos coñecidos como Peashooter e Chomper, xunto con algunhas caras novas como o mestre das sombras Night Cap e a disco-queen Electric Slide. Esta listaxe de personaxes é completadaun novo tipo de facción de heroes que traballarán en equipo, como Oak e Acorn e Space Cadet. Amais, os xogadores poderán unir as súas forzas e arrincar a mala herba de forma cooperativa, ben a pantalla partida ben en liña.
Os donos dunha copia desta nova entrega poderán participar tamén nos Festivais após o lanzamento oficial do videoxogo en outubro, e así desbloquear as novas recompensas de cada tempada. Queres xogalo xa? Podes. A Founder’s Edition xa está dispoñíbel para Xbox One, PlayStation 4 e Origin. Trátase dunha versión anticipada do videoxogo que ofrece aos usuarios a oportunidade de converterse nun Veciño Fundador que terá acceso cada semana —até chegar ao total de seis semanas no seu lanzamento— a novas seccións do videoxogo que inclúen novos modos, rexións libres e outras características que se poñerán en marcha antes do lanzamento mundial, o próximo 18 de outubro. Esta edición ten un prezo de 29,99 euros, até o 30 de setembro.