Actualidade A Biblioteca Nacional gardará todos os videoxogos producidos no estado español

A Biblioteca Nacional gardará todos os videoxogos producidos no estado español

A Biblioteca Nacional anunciou esta semana que todo videoxogo creado pola industria española será conservado para a súa posíbel posterior consulta pública dentro dos seus arquivos, do mesmo xeito que calquera libro editado na península. É unha decisión que chega após a reunión da directora de Ana Santos, directora da entidade pública, coa Asociación Española de Videojuegos (AEVI), a Asociación de Usuarios de Informática Clásica (AUIC) e a Asociación Española de Empresas Productoras y Desarrolladoras de Videojuegos y Software de Entretenimiento (DEV), coa presenza dun representante do Ministerio de Cultura, que coordina a Mesa do Videoxogo.

«É unha decisión súper importante que a BNE tome este camiño», explica Miguel Areán, director de Polygon-e e vogal na DEV. «Se o fan, e o fan ben, é un gran paso. De seguro que este ano o videoxogo local vai ter bastante forza e é preciso que vexa apoios desta potencia; cantas máis institucións se sumen moito mellor».

Unha das primeiras tarefas do proxecto será a de identificar todos os títulos publicados até o día de hoxe en España, comprobar cales están xa na BNE —o fondo ten preto de 600 obras dixitais— e cales deben sumarse ao arquivo. As asociacións ofrecerán as súas bases de datos para este asunto.

No comunicado oficial da institución, sinálase que «o videoxogo é a industria cultural con mellores perspectivas de crecemento a nivel mundial e de creación de emprego cualificado». Segundo os últimos datos da AEVI, a industria do videoxogo facturou en España máis de 1.500 millóns de euros no 2018, un 23 % máis que o ano anterior. Alén de toda dúbida, accións como esta sitúan ao videoxogo como o ente cultural que é, amais do seu recoñecemento institucional e social.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.