A BNE amplía a súa colección de videoxogos e pide a túa axuda para completala
En febreiro do ano pasado, a Biblioteca Nacional asumiu o compromiso de conservar todos os videoxogos que creados dentro do Estado. Ao longo do 2020, a entidade mantivo diversas reunións con diferentes asociacións do sector do videoxogo español nas que participaron AEVI (Asociación Española de Videojuegos), AUIC (Asociación de Usuarios de Informática Clásica) e DEV (Asociación Española de Empresas Productoras y Desarrolladoras de Videojuegos y Software de Entretenimiento) co obxectivo de traballar na mellora da conservación e o acceso aos videoxogos españois, como parte do patrimonio cultural. O seu traballo non fixo máis que comezar.
A modo de balance destes primeiros pasos, a BNE publicou hoxe un comunicado onde explica que supuxeron para a súa colección estes meses. «Unha das primeiras tarefas que se acordaron foi a identificación da produción total do videoxogo español, co fin de determinar que parte da colección está xa depositada na BNE (videoxogo en soporte físico) e cal debe ser recompilada. Para iso, estas Asociacións ofreceron as súas propias bases de datos, o que permitiu o seu cotexo co catálogo da BNE e a identificación de todos aqueles videoxogos españois que non forman parte das coleccións da Biblioteca», comenta.
Hemos ampliado nuestra colección de videojuegos con la ayuda de asociaciones y particulares y seguimos trabajando en la preservación del videojuego español
🔗https://t.co/gNW8Snu2pn pic.twitter.com/MCKHpi7ilR
— Biblioteca Nacional de España (@BNE_biblioteca) January 19, 2021
Así, a entidade fixo pública a relación dos datos básicos que puido recompilar en relación con estes títulos que non se atopan nas súas coleccións para animaren a asociacións e particulares a doar á BNE exemplares destes videoxogos como primeira fase para asegurar a preservación e o acceso a longo prazo aos videoxogos, que é un dos maiores retos expostos neste momento.
«Búscanse videoxogos, axúdasnos?», é a última frase dun comunicado que chama á colaboración cidadá. Aquí mesmo podes consultar máis información sobre a proposta de donativos e tamén o listado de videocogos que non forman parte das coleccións da BNE.