Reportaxes A caprichosa conexión de Spyro con The Police

A caprichosa conexión de Spyro con The Police

Ocorre en ocasións. A casualidade acaba por desvelar algo que quizais fose obvio, tanto para un mesmo como para outros. Igual que esa mazá que caeu sobre Isaac Newton para inspirarlle a idear a súa futura lei da gravidade (hoxe esta anécdota xa foi cuestionada en innumerables escritos). Durante este último Nadal caín na discografía dos británicos The Police. Non convén converter isto nun debate musical, pero vaia por diante que o que escribe, sen ser un excesivo fanático da banda, valora máis que positivamente a capacidade de facer cancións do amentado trío. Mesmo por separado, cos seus nomes: Sting, Andy Summer e Stewart Copeland. É este último o que hoxe máis nos incumbe.

Copeland é un monstro do ritmo. Quizais poida ser este un feito que ás veces un pasa por alto, oculto trala capacidade vocal e lírica de Sting, pero The Police nunca tería chegado a bo porto sen o seu virtuosismo, sen a súa capacidade de simbiose entre xéneros e sen o seu característico son de caixa e uso do charles. Total, que mentres un afonda no son dos discos do trío, é tentador teclear en YouTube o nome do batería en cuestión, na procura dos seus momentos máis icónicos ou protagonistas, ou, simplemente, algunha das súas múltiples colaboracións posteriores.

Esta veloz busca na plataforma de vídeos pode levar doadamente a un directo do programa de David Letterman. Foi aí onde ocorreu a casualidade apuntada no primeiro parágrafo. Ao longo da execución da canción, o son resulta extremadamente particular. Familiar, mesmamente. Máis aínda para un xogador que pasou horas fronte a unha PlayStation. Soa moi Spyro. É posible? É só unha apreciación ficticia? Acudo á fonte de sabedoría máis popular do momento: os comentarios do propio vídeo. E aí está. Máis xente identificou algunha parte da actuación con pasaxes da BSO dos xogos do dragón morado.

Basta un tecleo áxil en Google para comprobar que Copeland, efectivamente, non só actuou como compositor da triloxía orixinal do dragón, senón que el mesmo executou boa parte dos instrumentos. É máis, décadas despois volvería traballar sobre estas cancións para a revisión do título que dende hai un par de meses podemos gozar en consolas, Spyro Reignited Trilogy.

O batería de The Police non só é un hábil percusionista. A súa formación musical recolle todo tipo de instrumentos: piano, guitarra, sintetizadores, ventos… Por iso, e trala ruptura do trío británico (un dato curioso: nunca anunciaron a súa separación como tal, simplemente deixaron de tocar e gravar xuntos) Copeland pasou a militar noutras formacións como Animal Logic ou, máis recentemente, Oysterhead, na que tamén está o lendario baixista e cantante Les Claypool, de Primus. Antes de todo iso, e aínda con The Police funcionando, baixo o alias de Klark Kent, editou varios discos por conta propia.

A revisión da triloxía orixinal de Spyro saíu o pasado novembro e tamén conta coa música de Copeland.

Así, e debido ao seu carácter polifacético, Copeland entrou no sector das bandas sonoras, compoñendo e producindo música para filmes como Wall Street de Oliver Stone, ou A lei da rúa (Rumble Fish) de Francis Ford Coppola. Nos noventa, e tralo nacemento da máquina gris de Sony, unha compañía de videoxogos reclama os seus servizos: Insomniac Games. O dragón morado estaba a piques de ver a luz.

O estudio sabía da capacidade de Copeland, por iso déronlle carta branca á hora de elaborar unha serie de temas que puideran encaixar dentro do seu novo título. O certo é que a BSO de Spyro supoñía unha especie de reto para o multinstrumentista debido á limitación tecnolóxica da época: non podía gravar con todos os instrumentos cos que estaba habituado a traballar nos seus discos. Debía ser algo máis compacto, máis básico, e ademais, en pequenas pílulas. Era necesaria a creación de diferentes cortes para decenas de mundos e fases, e non tanto un tema principal ultra complexo. A cousa acabou por ser o proxecto con máis horas de composicións musical que Copeland emprendera. Durante todo ese tempo utilizou un sintetizador Kurzweil K2500 XS e pistas dos CD de Spectrasonics para a creación das pistas.

Segundo o estadounidense, chegou a compoñer catro cancións por día. O que nun principio ía ser un proxecto entre Insomniac Games e o propio músico, acabou por ser puramente unha odisea deste último. El decidía que soaría e que non. A calidade era tan patente que os donos do videoxogo decidiron non interferir máis no apartado musical.

Así, os creadores de Spyro decidiron darlle algún avance do xogo para que probase a súa xogabilidade e comprobase por onde ían os tiros. Por suposto, eran copias inacabadas e contiñan unha forte serie de erros e glitches, pero ao batería pareceulle suficiente e até divertido. Copeland recoñeceu que non era un gran xogador (pedía trucos para acabar os niveis a Insomniac) pero os máis pequenos da casa si que gozaban máis desa habilidade, e os seus fillos ocuparon o seu posto como probadores, caendo baixo os encantos do dragón. Con eles, estableceu esa conexión de diversión conxunta, e comezou a tratar de transmitir esa sensación de felicidade e complicidade ás súas cancións.

Esta sensación inspiradora foi tan frutífera artisticamente que Copeland quixo traballar tamén en Spyro: Enter the Dragonfly, aínda que non cría que o xogo mantivese a esencia de outrora. Tanto foi así que, despois deste capítulo, declinou a oferta de seguir creando cancións dentro da franquía. O mundo que lle mostraron non era o que o gozou cos seus fillos durante as tres entregas anteriores. Quizais o músico non soubese demasiado de videoxogos, pero deu bastante no cravo vendo agora as negativas críticas que recaeron sobre os últimos títulos.

Imaxe do primeiro Spyro que viu a luz para PlayStation.

O idilio do de Virginia con Spyro non cesou aí. Co tempo acabou por incorporar multitude de pasaxes do xogo orixinal aos seus concertos (tal e como ocorre na actuación no programa de David Letterman). Composicións apuradas, cheas de ritmo e cor que dalgunha maneira encaixan moi ben no temperamento da súa música jazz e orquestral. Cos anos, o repertorio dos seus concertos acabou por ser unha amálgama de cancións do pasado e o presente, onde tanto soa The Police coma Spyro.

Sabendo do amor que aínda profesaba polo dragón, Toys for Bob, o estudio detrás da revisión da triloxía orixinal, descolgou o teléfono e fixo a chamada oportuna: “vés ver que temos?”. Sobra dicir que Copeland soltou un rotundo si. A idea de poder reordenar as cancións orixinais de Spyro sen as limitacións tecnolóxicas que entón viviu era demasiado tentadora. Deuse o luxo de engadir algunha composición inédita tamén, como o novo tema principal.

Curiosamente, esta é a única incursión na industria do videoxogo por parte do batería de The Police. Algo atopou no dragón morado que acabou por namoralo. Non é o único músico de renome que caeu polo mundo dos mandos e as pantallas. José González participou en Red Dead Redemption, Steve Vai colaborou coa súa guitarra en Halo 3… Pero todo iso é, son, outras historias.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.