A cegas e en cinco horas, así finalizou un speedrunner Super Mario Odyssey

Trátase dunha comunidade con cada vez máis seareiros por mor dos seus impresionantes logros de memorización, concentración e habilidade. Os speedrunner buscan rematar unha obra na maior brevidade posible; algúns, como Katun24, gozan de engadir unha dificultade extra a tal asunto. A súa? Facelo sen ver a pantalla.
O xogador holandés conseguiu finalizar Super Mario Odyssey en 5 horas, 24 minutos e 18 segundos, cun anteface que lle impedía ver calquera das cousas que sucedían no seu monitor. É certo, o tempo está lonxe da marca mundial actual, pero a capacidade de memorización que demostrou ten o seu aquel insospeitábel.
Katun 24 completou o xogo coas mesmas condicións que teñen o resto de afeccionados á modalidade ‘Any %’, é dicir, sen modo axuda nin aumentos de saúde. O seu segredo, seguindo as súas palabras, foi guiarse polos seus propios percorridos previos e os efectos de son dos diferentes niveis. Houbo caídas e algún que outro momento crítico, pero o holandés soubo liquidar a situación.
A parte máis difícil de superar foi o final do xogo, como non, zona que tivo que practicar durante case 6 horas antes de se decidir a realizar o percorrido cronometrado completo. O speedrunner subiu unha guía aberta que podes consultar por se estás interesado en tentar igualar a súa fazaña. Na súa canle de YouTube, podes achar retransmisións similares completas doutros títulos, como Celeste, Super Mario 64 ou Zelda: Ocarina of Time.