A CMA de Reino Unido aproba definitivamente a compra de Activision-Blizzard por Microsoft
A Competition and Markets Authority (CMA) de Reino Unido deu esta semana a súa aprobación para a compra de Activision-Blizzard por parte da Microsoft. Trátase do derradeiro paso para que unha das operacións máis grandes da historia do videoxogo finalice por fin.
Cómpre lembrar que o proceso de compra comezou aló por xaneiro do 2022, cando Microsoft fixo público o anuncio. Dous anos despois, aínda que todo o mundo asumía que a cousa estaba feita, a realidade era que a compañía de Redmond tivo que loitar o seu para que o acordo chegase a bo porto, ao precisar a aprobación das axencias de control de competencias de Estados Unidos, Europa e Reino Unido.
E si, a de Reino Unido dixera hai tempo que bloqueaba o acordo perante a posibilidade de que Microsoft monopolizase o xogo a través da nube (streaming), provocando que a empresa dona de Xbox vendese os dereitos de streaming de xogos de Activision-Blizzard na nube a Ubisoft para calmar a situación.
Sexa como for, todo isto xa forma parte do pasado. A compra si conta agora co visto bo definitivo e é cuestión de horas —ou días— que se formalice sobre o papel. Case dous anos e 68.700 millóns de euros despois, Activision-Blizzard xa é de Microsoft.