A Coruña nos videoxogos :: O primeiro documental en galego sobre videoxogos
O medio dos videoxogos segue a medrar e evolucionar dentro do país, e Iago Gordillo, coñecido polo seu traballo divulgativo e de entretemento a través da canle de YouTube Recuncho Gamer, é unha das pezas máis visíbeis dentro do panorama galego. O seu novo proxecto, A Coruña nos videoxogos, é presentado como un documental, o primeiro en galego sobre videoxogos, tentará abordar a representación da cidade de A Coruña a través de diversas obras, como The Waylanders, Cities: Skylines ou Microsoft Flight Simulator.
Así, a peza audiovisual pretende ser un proxecto de enorme interese para coñecer esa cidade virtual, esa idea de levar un espazo real até o dixital. En total, o documental recolle máis dunha decena de xogos nos que aparece A Coruña, amais de entrevistas coas propias desenvolvedoras dos títulos xa nomeados, como Laksmy Irigoyen de Gato Studio, o modelador Armesto3D e a historiadora Ana Romero Masiá. O documental será estreado o 20 de decembro, ás 21 horas, na canle Recuncho Gamer.
O proxecto, apoiado polo concello de A Coruña dentro da liña de axudas a creación artística, intégrase dentro do ámbito da divulgación en galego sobre videoxogos que realiza a coñecida canle Recuncho Gamer dirixida por Gordillo. Paga a pena lembrar que a canle foi galardoada co Premio Pioneira nos Premios Youtubeiras 2021.
Así, Recuncho Gamer procura a divulgación do videoxogo como produto cultural a través de contido audiovisual feito para YouTube, emisións en directo en Twitch e un videopodcast. Trátase da canle de YouTube en galego con máis contido sobre videoxogos con varios contidos semanais e a máis vista. Tamén é unha das 10 canles máis vistas no Twitch en galego en 2021 cos seus directos e a canle de videoxogos con mellor media de espectadores e é a primeira en ter un sistema de subtitulaxe en directo en galego.