Actualidade A ESA afirma que o E3 volverá co seu formato habitual no 2023

A ESA afirma que o E3 volverá co seu formato habitual no 2023

Nun xiro contracorrente dos feitos, o presidente da Entertainment Software Association (ESA), Stanley Pierre-Louis, confirmou hai escasas horas que o E3 volverá o ano que vén cun formato híbrido, presencial e en liña.

«Estamos entusiasmados coa idea de volver en 2023 cun evento tanto dixital como presencial», explica Pierre-Louis no The Washington Post. «Por moito que nos presten estes eventos dixitais, e por moito que cheguen á xente e queiramos ese alcance global, tamén sabemos que hai un desexo realmente forte de que a xente se reúna, de poder conectarse en persoa e verse e falar do que fai grandes aos xogos».

A nova é un tanto sorprendente, poois logo da cancelación total do evento este 2022, a sensación era de despedida e adeus, máis aínda se pensamos que se ben a Covid-19 foi a escusa para a súa non celebración, semellaba algo esaxerada a decisión. Sexa como for, o E3 está de volta, e haberá que ver como responden o resto de eventos e retransmisións que se foron instaurando ao longo destes últimos dous anos, como o Summer Game Fest, de Geoff Keighley.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.