A esixente acción de The Surge 2 aterra nas tendas

Xurdiu como un de tantos títulos que atoparon na saga Souls un referente ao que seguir, pero moi poucos lograron manter o pulso dunha comunidade esixente e experimentada, nada por mor desa mesma experiencia. The Surge chegou no ano 2017 e aguantou o diluvio comparativo grazas á súa boa base no combate e ás posibilidades do mundo que presentaba. Agora, a súa continuación chega a PlayStation 4, Xbox One e PC para continuar coa franquía que Deck13 e Focus Home Interactive puxeron sobre a mesa.
The Surge 2 aparece como un capítulo que procura corrixir os erros do pasado e mellorar as virtudes existentes. Presenta un mundo duro, de ciencia ficción e distópico que explorar e no que sobrevivir. Nel poderemos crear o noso personaxe e afrontar os combates que se irán sucedendo, mesturando acción e RPG; habilidade e progresión.
Unha das novidades incluídas dentro das mecánicas das que quere presumir esta entrega é a dos bloqueos direccionais, amais dos drons de compañía con decenas de usos. Por suposto, está de volta o sistema de focalización de extremidades, do mesmo xeito que as execucións. Prepárate para apuntar, saquear e equipar con todo o que obteñas dos teus inimigos.