Actualidade A Fundación Carlos Casares convoca concursos de pixel art e game jam

A Fundación Carlos Casares convoca concursos de pixel art e game jam

Nunhas semanas, a Fundación Carlos Casares organizará a segunda edición das Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal. Trátase dunha proposta divulgativa e de debate, organizada a través dun programa de exposicións físicas, mesas redondas e charlas técnicas que terán como escenario o Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

O programa completo será revelado nuns días, pero desde a Fundación quixeron xa facer público a súa aposta ao apoio de creación de contidos culturais que mesturen diversas disciplinas artísticas. Así, están contempladas dúas competicións diferentes: unha de pixel art e outra de desenvolvemento de videoxogos ou game jam.

O prazo de participación para o concurso de pixel art vai desde o 20 de agosto até o 10 de setembro, e poderán participar todas as persoas maiores de 18 anos que así o queiran. Deberán presentar unha obra orixinal cun tamaño máximo de 512×512 píxeles, sobre os episodios ou personaxes da novela Ilustrísima, que este ano celebra o seu 40 aniversario. Ofrecerá dous premios: un primeiro de 250 euros e un segundo de 125 euros.

Doutra banda, o concurso de creación de videoxogos terá como finalidade a elaboración dunha obra dixital completa. Poderá ser realizada en equipos de tres persoas, todas maiores de idade, no prazo dunha semana, cun tema concreto relacionado coa obra de Carlos Casares, aínda que este será desvelado cando empezo o período concreto de creación. Emporiso, o prazo para poder anotarse xa comezou, mais rematará o 31 de agosto. Está establecido un premio de 500 euros para a obra gañadora, e de 250 euros para o segundo mellor xogo que o xurado considere.

As bases dos concursos poden ser visitadas na web das Xornadas, na web da Fundación Carlos Casares e na do MARCO.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.