Actualidade A Fundación Carlos Casares convoca un concurso para crear un videoxogo sobre o escritor

A Fundación Carlos Casares convoca un concurso para crear un videoxogo sobre o escritor

A Fundación Carlos Casares continúa coa súa aposta de unir literatura e videoxogos. Após celebrar con éxito, o pasado setembro, a segunda edición das Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal, a entidade presenta agora un concurso de creación de videoxogos sobre a obra do escritor.

O obxectivo da fundación, a partir deste reto colectivo, é o de apoiar a creación de contidos culturais que mestures distintas disciplinas artísticas dentro do marco dunha game jam, na que se contará coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Xinzo de Limia.

Así, o concurso tomará como base a posibilidade de xuntar equipos de até tres persoas, todas maiores de 18 anos, nun prazo fixado de días este decembro —do 1 ao 4 dese mes— para traballaren nun tema concreto da obra de Casares, información que se revelará no momento que empece o período de desenvolvemento.

Fixáronse dous premios en metálico: o primeiro de 500 euros para o equipo gañador e o segundo, de 300 euros. O prazo para poder inscribirse comezou o 17 de novembro e finalizará o próximo día 4. O evento está aberto, mesmo, a participantes internacionais, aínda que dous dos seus membros deberán residir en España. O xogo deberá ter os seus textos e diálogos en lingua galega.

As bases completa do concurso poden ser lidas na web oficial das Xornadas de Videoxogo e Literatura ou na Fundación Carlos Casares.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.