A Historia de Game 40, o mítico programa de radio, plasmada nun documental

Se fuches adolescente entre 1992 e 1998, e ademais eras amante dos videoxogos, é máis que probable que os domingos fixeras o ritual de sintonizares os 40 Principais, a iso das 22 horas, para escoitar as voces de Guillem Caballé e o seu equipo. Así é, Game 40, un programa que quedou nese limiar do mítico polo pioneiro e o fresco que resultou no seu momento, comandado con enorme éxito na súa primeira etapa polo locutor catalán.
Durante varios anos, Game 40 logrou xuntar con acerto humor, videoxogos, actualidade e música nunha época que agora queda afastada, sen Internet, e onde a información do medio non era tan fácil de obter nin confirmar. Anunciado hai un ano, Nebulared acaba de publicar o documental que analiza e recolle as impresións daquel equipo pioneiro no xornalismo de videoxogos peninsular.
Dirixido por Miguel Ángel Guzmán, a peza audiovisual de hora e media recolle entrevistas coas voces que formaron parte do programa e deron forma a todo aquel contido que aínda hoxe é posíbel escoitar pola Rede. Un exercicio de nostalxia e de curiosidade que queda plasmado en formado documental. A continuación, tes A Historia de Game 40: