A liberdade de Bungie costou 164 millóns de dólares

A liberdade de Bungie costou 164 millóns de dólares

Foi un dos primeiros bombazos do ano. Bungie anunciaba en xaneiro publicamente que rompía a súa relación con Activision. A nova non foi unha sorpresa en si mesma, pero provocou ríos de tinta durante os días seguintes. Aínda que se falou dun divorcio de mutuo acordo, esta semana coñeceuse o prezo que Bungie tivo que pagar para obter a súa liberdade: 164 millóns de dólares. 

A cifra exacta deuse a coñecer este luns 4 de marzo, por mor dun documento proporcionado aos accionistas de Activision. Nel, aparece a cifra que a compañía americana obtivo por parte de Bungie. Unha liberdade un tanto cara, pero pola que obteñen o dereito a facer coa saga Destiny o que queiran a partir de agora, perdendo Activision calquera poder sobre a franquía. Nada novo baixo o sol.

Spencer Neumann, xefe de operacións financeiras de Activision, confirmou que a empresa ingresou uns 397 millóns de dólares grazas ás compras internas de títulos como  Call of Duty: Black Ops 4 e  Destiny 2: Os Renegados.

Demanda por esconder información aos seus accionistas

Doutra banda, tamén transcendeu que a firma Kuznicki Law PLLC presentou unha demanda oficial contra Activision tras o descubrimento dunha serie de documentos falsos e a realización de varias declaracións confusas por parte da empresa para ocultar aos seus accionistas a ruptura con Bungie. Era obvio que tal medida non ía mellorar a situación económica de Activison para investidores e novos beneficios, xa que se perdería unha franquía máis que rendible até esa data, polo que a ocultación do trato levado a cabo non gustou.

Todos aqueles que comprasen accións da empresa entre o 2 de agosto de 2018 e o 10 de xaneiro serían incluídos dentro da xa presentada demanda para ser investigados. Segundo informou a web GameIndustry, a firma denunciante afirma que foi a propia Activision a que non informou da maneira correcta sobre os detalles da pasada ruptura con Bungie e a posterior venda da marca Destiny.

Semella que a ruptura de Bungie con Activision trouxo consigo unhas consecuencias non agardadas para a segunda.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados