Actualidade A lista do Apalpador :: Os 18 videoxogos que máis agardamos do 2020

A lista do Apalpador :: Os 18 videoxogos que máis agardamos do 2020

Pasou o día, pasou a romaría, e atrás queda o 2019, ou apunto está. Chega un novo ano, cargadiño de ilusións e, por suposto, de novos lanzamentos. Toca ir poñendo o ollo nos títulos que nos farán seguir gozando dos videoxogos nos vindeiros meses.

Esta vai ser a nosa lista persoal do hype en RevistaMorcego. Non están todos os títulos de interese, evidentemente, pero a todos os que nomeamos convén seguirlles a pista. De algúns xa temos datas; doutros, estamos desexando saber máis segundo avance o ano.

Sen máis dilación, imos aló.

Summer in Mara (Xbox One, Nintendo Switch, PC, PS4) :: Febreiro

Non esquecemos os títulos españois, como este do estudio valenciano Chibig. Aquí seguiremos as aventuras da valente rapaza Koa, que terá que compaxinar as súas tarefas mundanas —coidar dos animaliños, plantar verduras, pescar— con outras máis especiais: percorrer os mares do seu planeta, buscar tesouros ou facerse amiga de piratas e espíritos da natureza. Unha relaxante mergullada nun mundo fantástico e colorido.

Final Fantasy VII Remake (PS4) :: 3 de marzo

Se falamos dos videoxogos máis míticos da historia, seguro que moitos pensarían neste título. O salto dunha saga lendaria ás tres dimensións, unha obra que segue viva na memoria e na imaxinación de moita xente. Agora retorna, mantendo vivo o seu espírito de JRPG, pero con gráficos e mecánicas actualizados á nosa época.

Ori and the Will of the Wisps (Xbox One, PC) :: 11 de marzo

Se buscabades un videoxogo fermoso e desafiante, estades de sorte. As novas aventuras de Ori chegan para emocionar co seu potente apartado gráfico e a súa intensa banda sonora. O bosque volveuse máis perigoso que nunca, e precisaremos de toda a nosa destreza para superar as súas infinitas trampas e plataformas.

Animal Crossing: New Horizons (Nintendo Switch) :: 20 de marzo

A franquía de traballar para un mapache usureiro e coñecer xente furry vólvese campista! Desta vez, visitaremos unha illa perdida para gozar de paz e tranquilidade. Tamén poderemos levar a cabo diversas actividades das que normalmente, na vida real, o tardocapitalismo non nos permitiría desfrutar: pesca, recolleita de flores e insectos bonitos, e a fabricación de todos os adornos imaxinables para a nosa parcela!

Vampire: The Masquerade – Bloodlines 2 (Xbox One, PC, PS4) :: Entre xaneiro e marzo

A continuación dun título que no seu día foi rompedor pola súa narrativa e as múltiples opcións que ofrecía para avanzar e resolver as misións. Esta sequela aspira a representar con fidelidade un dos xogos de rol de lapis e papel máis populares do mundo. A data de lanzamento que temos agora mesmo non é moi precisa, pero estade atentos á nosa revista, que de seguro pronto poderemos confirmala con exactitude.

Resident Evil 3 (PS4) :: 3 de abril

Están de moda as revisións, pero sempre que sexan tan traballadas coma as de Resident Evil, benvidas serán. Tócalle a Jill Valentine percorrer Racoon City, completamente infestada polo virus T, e sobrevivir a Nemesis. Como novidade contaremos con Resistance, un modo multixogador en liña asimétrico. A cabalo regalado…

Cyberpunk 2077 (Xbox One, PC, PS4) :: 16 de abril

O novo gran proxecto de CD Projekt RED promete un mundo aberto cunha liberdade e capacidade de interacción nunca vista, repleto de acción, escenarios espectaculares e multitude de faccións e misións por descubrir. Baseado nun famoso xogo de rol, Cyberpunk 2077 apunta alto e semella que non vai decepcionar.

The Last of Us Part II (PS4) :: 29 de maio

Moito se falou xa do próximo de Naughty Dog, do sumamente agardado regreso de Ellie. Nesta nova aventura, ambientada anos despois de que percorrésemos por primeira vez este mundo postapocalíptico xunto a Joel, non só teremos que facer fronte aos temibles chasqueadores: os humanos son aínda máis brutais.

The Waylanders (PC) :: Xuño

Non podíamos deixar sen mencionar un nome que nos fai especial ilusión. Un videoxogo inspirado polo espírito do rol de Dragon Age, pero baseado na cultura celta e desenvolto en Galicia? Firmamos! Se todo vai ben, este verán deberíamos ter entre mans a gran obra dos nosos amigos de Gato Studio.

Ghosts of Tsushima (PS4) :: Entre xuño e setembro

A espectacularidade desta historia de samurais ambientada no Xapón feudal está fora de toda discusión. Chamou a atención do público polos seus duelos de espadas: rápidos, elegantes e mortais. Certo é que de momento o título de Sucker Punch non aclarou de todo a súa data de saída, pero xa temos confirmación de que este é o seu ano.

Halo Infinite (Xbox One, PC, Xbox Series X) :: Finais de ano

O Master Chief vive, a loita sigue. Sen dúbida, a volta dunha das franquías máis queridas polos xogadores de todo o mundo é motivo de ledicia. Pouco se sabe polo de agora deste título, pero agárdase que caia con forza apoiando o salto á nova xeración de consolas de Microsoft.

Carrion (Xbox One, PC, PS4) :: 2020

Devolver Digital son especialistas en traernos videoxogos sorprendentes e atípicos. Neste caso, propoñen unha situación curiosa. Hai un monstro asasino solto nun laboratorio secreto, e os científicos e militares queren acabar con el. Que pasa: que o monstro es ti. A base de devorar patéticos humanos podes medrar, acadar novos poderes. O gore en estilo píxel está garantido neste título.

Age of Empires IV (PC) :: Sen data

Un vello coñecido que volve con mellor pinta que nunca. O xogo de estratexia en tempo real favorito dos primeiros cibercafés segue a causar expectación. Fáltanos unha data de lanzamento pero queda moito ano por diante e temos esperanzas. Nesta casa estamos desexando volver a escoitar o famoso: wololó!

Bayonetta 3 (Nintendo Switch) :: Sen data

Platinum Games é un estudio que non deixa nunca indiferente, e a meiga máis famosa dos videoxogos, aínda menos. Dende hai dous anos temos pouco máis que un logo animado, pero os rumores falan de que a nova entrega da saga está a ser desenvolta a bo ritmo, e poderíamos ter novas de Umbra antes do que pensamos.

Diablo IV (Xbox One, PC, PS4) :: Sen data

Longos anos agardamos todos os fans da saga Diablo por unha nova entrega, e por fin temos a certeza de que esta en camiño. Ademais, o xogo promete volver ás súas raíces. Só podemos desexar que este 2020 sexa o ano escollido por Blizzard para enfrontarnos á poderosa Lilith, nai de todos os males.

Elden Ring (Xbox One, PC, PS4) :: Sen data

Elden Ring, dúas palabras que quizais non vos digan nada. Pero veñen acompañadas de dous nomes moi potentes: Hidetaka Miyazaki, a mente detrás dos Dark Souls, e George R. R. Martin, o home que conseguiu meternos a todos no Xogo de Tronos. Moito ollo con isto, porque o que saia deste dúo pode ser unha auténtica tolemia.

Hollow Knight: Silksong (Nintendo Switch, PC) :: Sen data

Team Cherry acadou o recoñecemento global grazas ao seu primeiro xogo, Hollow Knight. Para a súa segunda parte, saímos do antigo reino de Hallownest e manexaremos á áxil guerreira Hornet. Atoparémonos cun inmenso novo mapa por explorar, nun mundo misterioso onde a beleza e a morte camiñan da man e os secretos se agochan en cada esquina. De novo: o xogo sairá cando saia, pero xa leva tempo anunciado e xa podemos atopar vídeos onde se amosa unha xogabilidade puída.

Lost Soul Aside (PS4) :: Sen data

Aquí temos unha obra moi pouco coñecida, pero que pode ser unha das grandes sorpresas deste ano que comeza. Un xogo de acción e combate frenético con elementos de RPG. Aínda non vimos moito del, e acumulou xa varios atrasos, pero con todo goza da confianza de Sony para que cando saia a súa calidade sexa perfecta. Vou deixar que sexa o seu desenvolvedor principal quen vos conte a súa peculiar historia, no vídeo a continuación.

E até aquí chegamos por agora. Sabemos que deixamos fóra da lista moitas cousas, por exemplo varios dos videoxogos que vimos na recente gala The Game Awards 2019. Non dubidedes en aportar os xogos que estades agardando con máis ganas na caixiña de comentarios!

 

Comentarios non permitidos
    • Antón
    • En: 14 de Decembro de 2019

    Aporto algún máis: Wildfire, Sable, Nykra, Lunark, Afterlight e Stela. Sen esquecerse de Spiritfarer, que no discord da revista namorou a máis dun (incluido eu).