A macroeconomía tamén ten os seus efectos en League of Legends

Riot Games acaba de anunciar que en marzo subirán o prezo dos Riot Points de League of Legends ao longo e ancho de todo o mundo. O aumento do prezo será maior ou menor segundo a rexión, aínda que en Europa estímanse subidas de entre o 8 e o 15 %.
O motivo non é outro que a necesidade de responder os cambios fiscais dos últimos anos. Que se engloba baixo eses cambios? Novas leis, novos impostos, cambios nas divisas e, como non, a propia inflación de cada rexión. É obvio que un euro a día de hoxe non vale o mesmo que hai dez anos, ou polo menos non segundo as cifras que manexan os economistas.
Riot tamén quixo anunciar que a partires de agora diferentes artigos da súa tenda contará cun tempo de devolución de até noventa días, permitindo un reembolso íntegro do importe. A continuación podes comprobar cales si e cales non.
Dende hoxe e até o 5 de marzo os xogadores recibirán un bonus extra de RP cando compren a moeda dixital. A idea é paliar un pouco as críticas negativas que poidan xurdir tras o anuncio deste aumento de prezos.
League of Legends continúa sendo non só o MOBA máis xogado do mundo, senón un dos videoxogos máis rendibles para os seus donos de todos os tempos. Malia o paso dos anos, as competicións de LoL ao longo do planeta continúan sendo o gran referente dos deportes electrónicos á hora de ensinar ao resto do mundo o seu poder de convocatoria.

League of Legends segue sendo o gran referente dos deportes electrónicos a nivel global.