A maior colección persoal de videoxogos está en Texas

Sempre hai alguén que ten que ser o primeiro. Polo menos, cando falamos de asuntos medíbeis. Antonio Monteiro de Richmond, cidadán de Texas, é o ser humano coa colección de videoxogos máis grande do planeta. En formato físico, está claro. Conta no seu haber cunha biblioteca de 20.139 títulos.
Monteiro iniciouse neste mundo, como é habitual, de neno. Non deixou de coleccionar e almacenar videoxogos dende entón. Queres saber que títulos ten? Quizais sexa máis fácil dicir cales non ten:
- Máis de 1.000 xogos de PlayStation
- A colección completa de PlayStation 2 (en Estados Unidos)
- A colección completa de PlayStation 3 (en Estados Unidos)
- Máis de 900 títulos de PlayStation 4
- Todos os xogos de PS Vita lanzados até o 28 de marzo (en Estados Unidos)
- A colección completa de PSP (en Estados Unidos)
- A colección completa de Xbox (en Estados Unidos)
- A colección completa de Xbox 360 (en Estados Unidos)
- Máis de 500 títulos de Xbox One
- A colección completa de Wii U (en Estados Unidos)
- A colección completa de GameCube (en Estados Unidos)
- A colección completa de Wii (en Estados Unidos)

E ti que pensabas que non tiñas espazo en casa para máis xogos…
A biblioteca do estadounidense é tan vasta e incrible como parece. A organización da Guinness World Record precisou de máis dunha semana para contar e certificar que posuía todos os títulos que dicía posuír e así concederlle o famoso certificado.
O de Texas tamén ten na súa fortaleza de videoxogos algunha que outra xoia moi difícil de conseguir. Exemplo diso é o Max Basic Rifle Marksmanship Program, que foi editado por Nintendo en exclusiva para a práctica de tiro do exército estadounidense e nunca foi vendido ao resto do público. «Tamén posúe unha colección completa de xogos de Nintendo 64DD que só se lanzaron en Xapón e unha serie de xogos educativos de Sega Dreamcast como Timeless Math», explica a nota oficial da Guinness World Records.