Actualidade A Maker Faire Galicia máis global comeza esta semana

A Maker Faire Galicia máis global comeza esta semana

Xa está aquí, chegou a 7ª edición da Maker Faire Galicia, que se celebrará nun Museo Gaiás virtual. Despois do éxito da edición en liña celebrada o pasado novembro, a organización aposta por repetir formato, potenciando así o foco internacional. Ademais de contar con máis de 60 proxectos de 7 países diferentes, a poucas horas desta nova edición, os datos de inscricións multiplican por catro os da edición anterior, polo que se espera unha alta participación.

Durante as 5 xornadas que dura o evento (do 2 ao 6 de xuño), os/as visitantes poderán gozar conectándose en directo cos/as makers que hai detrás dos proxectos seleccionados, participando en diversos talleres ou asistindo a charlas e mesas con referentes mundiais no ámbito da innovación.

As xornadas do 2 e o 3 de xuño dedicaranse á Industria e as temáticas sobre as que virarán son a dixitalización, a biotecnoloxía e os videoxogos. Aquí destacan os nomes de César de la Fuente, elixido polo MIT como un dos mozos máis innovadores do mundo, ou Keisha Howard, referente mundial na loita pola inclusión no mundo dos videoxogos.

Durante estas xornadas levarase a cabo a xa clásica competición de proxectos, onde os 10 máis innovadores de todos os presentados optarán a ser o mellor proxecto das xornadas de industria. Ademais disto, haberá numerosas mesas onde se debaterá sobre diversos temas como a liberación de patentes nas vacinas, os modelos de negocio baseados no  opensource ou como os videoxogos poden utilizarse para adestrar o noso cerebro.

O 4 de xuño celebrarase a xornada educativa e o nome máis destacado é o de Valeria Corrales, unha minimaker de 12 anos de Huesca que se fixo famosa ao ser seleccionada para o talent show máis importante do mundo. Ademais de Valeria, esta xornada contará con catro mesas de debate moi interesantes e máis de 40 proxectos de centros educativos de todo o mundo, cos que se poderá compartir coñecemento en directo. De todos eles, os 15 máis destacados participarán nunha competición onde se elexirán aos mellores de cada categoría: primaria, secundaria e bacharelato ou FP.

Parte del programa oficial.

O broche de ouro da xornada educativa poñerao o primeiro EDU Open Space, un espazo para debater ao redor da innovación educativa, e unha listaxe de talleres moi potente para aprender sobre intelixencia artificial, videoxogos ou robótica.

Para pechar esta semana tan innovadora, os días 5 e 6 de xuño celebraranse as xornadas abertas a todos os públicos, onde o Do It Yourself, a música ou a arte únense coa tecnoloxía. Charlas como a da mexicana Trindade Gómez, falando do seu Fab Lab co que está empoderando a artesáns/as indíxenas, ou talleres como o dos arxentinos  Alquimétricos son uns dos pratos fortes destes días. No apartado de proxectos destacan o xaponeses Robot band, unha banda de rock constituída por robots, os brasileiros Batebit, co seu kit musical ou os minimakers de VermisLAB cos seus proxectos para mellorar o mundo.

Se queres ter máis información sobre este evento e como participar non dubides en visitar a súa plataforma en liña https://makerfairegalicia.com/, o rexistro de asistentes é totalmente gratuíto.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.