A campaña de Halo Infinite móstrase nun novo adianto

343 Industries acaba de presentar a campaña de Halo Infinite. Preto dun ano pasou desde o último que vimos do novo título da franquía de Microsoft, mais por fin temos novas imaxes en movemento desta futura obra.
O novo vídeo repasa as características do modo para un xogador —a campaña cooperativa non estará dispoñible desde o inicio—, onde o Xefe Mestre deberá obter a axuda dunha IA chamada The Weapon para iniciar a procura de Cortana. O destino? Zetta Halo, un lugar onde poderemos —e deberemos— pedir vehículos perante o vasto mundo que se abrirá ante nós, un mundo no que continuar a loita contra os Banished.
En principio, Halo Infinite sairá o 8 de decembro en PC, Xbox One e Xbox Series X|S. E si, estará dispoñible desde o día do seu lanzamento no Xbox Game Pass.