A nova consola de Microsoft chamarase… Xbox
Xbox Series X foi o nome que apareceu en pantalla durante a presentación da futura consola de Microsoft. Todo correcto até aí, pero tanto a prensa como a comunidade de xogadores emitiron as súas dúbidas sobre o nome oficial —e curto— polas redes sociais. Non é un nome pouco comercial? Non é longo para unha máquina? A empresa estadounidense quixo solucionar este asunto.
O nome oficial da futura consola non é outro que… Xbox, como a primeira máquina de sobremesa que foi lanzada ao mercado no ano 2001. Pode parecer estraño, pero a realidade é que se trata dun movemento bastante intelixente e cómodo para Microsoft, que pretende expandir a idea de Xbox como marca global e con diversas arestas.
A nova consola, que verá a luz a finais do 2020, vese que quere ser parte dun proxecto maior. Un plan que, case seguro, incluirá ao Game Pass como algo esencial, ademais do servizo xCloud. Series X ben podería funcionar como unha mecánica de márketing similar á dos teléfonos móbiles, cunha actualización da consola dentro duns anos que pase a chamarse ‘Y’ ou ‘ Z’, por exemplo. De todos os xeitos, aínda é para sacar a bóla de cristal.
O que si se confirmou é o tamaño concreto do próximo modelo. A torre, que se poderá poñer en posición vertical ou horizontal, terá unhas dimensións de 31×16 centímetros.