A oitava xeración de Pokémon preséntase en sociedade

Non quixo Nintendo decepcionar aos seus seguidores. Agardábase a presentación hoxe da nova xeración de Pokémon e así foi. Os próximos xogos da franquía chamaranse Espada e Escudo, e aterrarán en Nintendo Switch a finais deste 2019.
Chégase desta maneira á oitava xeración de criaturas. Galar será a nova rexión a percorrer por todo aquel que queira reiniciar a súa viaxe como adestrador. Un lugar onde se combinan bosques, montañas, covas e cidades de corte contemporáneo. De vastas chairas a nevados cumes, os quilómetros nunca foron un impedimento para un futuro mestre Pokémon.
Ao longo do Pokémon Direct non se ofreceron demasiados datos máis aló do anuncio como tal de ambos títulos, aínda que si foron presentandos os tres novos Pokémon iniciais:
- Grookey
- Scorbunny
- Sobble

Os tres Pokémon iniciais foron as únicas criaturas visibles da oitava xeración.
Tsunekazu Ishihara, presidente e CEO de The Pokémon Company, foi o encargado de abrir a breve retransmisión e anunciar a boa nova. As primeiras imaxes do título non amosan unha evolución gráfica máis aló do agardado, aínda que si ofrece unha visión de por onde irán os tiros neste apartado. Como é habitual, poderemos escoller entre un adestrador ou unha adestradora.
Volveremos poder capturar Pokémon ao pasear sobre a herba ou ao baixar por minas e pasadizos. Tamén poderemos, de novo, loitar nos estadios máis grandes do mundo. Junichi Masuda, produtor dos novos títulos, foi o encargado de explicar algúns detalles sobre os futuros títulos. Sinalou que o seu desenvolvemento é a base de traballo agora mesmo de Game Freak, esa á que destinan todos os seus esforzos. Son xogos dirixidos aos adestradores veteranos da saga, pero sen deixar de lado aos que chegasen durante este último lusto con Let’s Go Eevee! – Pikachu!
Confirmouse o seu estilo RPG clásico, así como a aparición de novas historias, experiencias e, como non, Pokémon. Por suposto, o obxectivo non é outro que derrotar aos líderes dos diferentes ximnasios e facernos coas medallas de cada lugar.