
A Orquestra Vigo 430 presenta o seu concerto Música e Videoxogos: Unha Odisea Sinfónica
O día, 23 de decembro ás 20.00 horas, terá lugar en Vigo un concerto máis que interesante baixo o lema Música e Videoxogos: Unha Odisea Sinfónica a cargo da orquestra Sinfónica Vigo 430, e que conta coa colaboración e o apoio, entre outras entidades, da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI).
Tal e como sinalan desde a Fundación, «trátase dun achegamento de envergadura, moi distinto ao feito nunca en Galicia neste eido, polo número de músicos que interveñen, o extenso repertorio e o equilibrado da súa proposta».
Pola súa banda, o colectivo musical explica que o público poderá presenciar unha viaxe pola historia da música «moi diferente á que estamos acostumados, xa que, no canto de se entrar no que a tradición académica veu chamando “música culta occidental”, focaliza o seu interese na música que se empregou ó longo do século XX e parte do XXI no eido dos videoxogos».
Como non podía ser doutro xeito, a interpretación musical virá da man da Orquestra sinfónica Vigo 430, dirixida por Isabel Rubio, que interpretará as composicións que Brais González Pérez creou a partir dos temas musicais máis destacados do mundo dos videoxogos, estructurados en 12 bloques, tal e como recolle o proxecto deseñado por Erea Carbajales Molina, e tendo como invitado especial o youtuber e gamer León Picarón, especializado en Sonic, e que xogará a diversos videoxogos, ao tempo que acontece o concerto.
As entradas poden adquirirse a través da webw ww.ticketrona.com e na web da orquestra Vigo 430 www.vigo430.com. Cómpre lembrar que o concerto poderá ser seguido en streaming na web e Facebook da orquestra e tamén a través da plataforma Tolemias.tv, onde permanecerá logo da súa celebración.
A continuación podes consultar os doce bloques e as obras dixitais protagonistas:
- Crebacabezas: Angry Birds, Candy Crush, Tetris
- Acción – Aventura: Uncharted, God of War, Assassin’s Creed, Medievil, The Secret of Monkey Island, The Legend of Zelda
- Carreiras: Mario Kart, Gran Turismo, Virtua Racing
- Survival Horror: The Last of Us, Silent Hill, Resident Evil
- Estratexia: Age of Empires, Civilization
- Simulación: The Sims, Animal Crossing
- RPG: Pokémon, Final Fantasy, Skyrim, Fallout, Elden Ring,
- Loita: Mortal Kombat, Tekken
- Mundo aberto: Minecraft
- FPS – Bélico: Call of Duty, Medal of Honor
- FPS -Shooters: Far Cry, Quake, Half Life, Halo
- Plataformas: Super Mario, Yoshi’s Island, Crash Bandicoot, Sonic