Actualidade A Plague Tale: Innocence finalizou o seu desenvolvemento

A Plague Tale: Innocence finalizou o seu desenvolvemento

Se recentemente confirmabamos a súa data de lanzamento , o 14 de maio, Focus Home Entertainment afirmaba hoxe que A Plague Tale: Innocence xa é gold, é dicir, que finalizou ao cento por cento o seu desenvolvemento. O título independente chegará a PlayStation 4, Xbox One e PC. A reserva dixital xa está aberta e permite obter unha vestimenta adicional e un escudo para os protagonistas da aventura.

De que trata A Plague Tale: Innocence? O título sitúa a súa historia no século XIV, e cóntaa a través dos irmáns Amicia e Hugo mentres viaxan por unha Francia absolutamente desolada. Nesa apocalipse medieval, as ratas, miles, decenas de miles, campan ás súas anchas famentas de carne. Evitalas a elas, e aos soldados da Inquisición, será o noso obxectivo. O xogo editado por Focus Home Entertainment e desenvolto por Asobo Studio combinará acción, sixilo e exploración para así manter a salvo aos dous irmáns. Non será unha tarefa fácil.

A historia promete ser das dolorosas e duras. Uns protagonistas moi novos camiñando sobre un inferno na terra hai sete séculos. Toda axuda será pouca, aínda que seguro que escaseará en tal contorna. Contará cun prezo de saída de 44,95 euros.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.