Actualidade A polémica irrompe nas oficinas de BadLand Publishing

A polémica irrompe nas oficinas de BadLand Publishing

Difícil fin de semana para BadlLand Publishing e o seu CEO, Luís Quintans, após da polémica acontecida ao longo das últimas setenta e dous horas. Todo comezou cun anuncio por parte de Limited Run Games no que comunicaba que lanzaría proximamente a versión física do exitoso Axiom Verge para Wii U, estreado orixinalmente no 2015.

No aviso feito en Twitter, a editora indicaba que as reservas en EE. UU. habilitaríanse o venres 29 de marzo tras «varios anos de loita e unha batalla legal en curso debido a unha gran cantidade de diñeiro perdido a mans de BadLand Publishing», empresa española que xa publicara o título para PS4, Vita e Switch, pero que atrasou en varias ocasións o lanzamento para Wii U, sen motivo aparente.

Axiom Verge é un exitoso Metroidvania de corte independente.

Segundo parece, as dúas editoras asinaran un acordo de distribución polo que a empresa americana encargábase da publicación do xogo de Wii U en terras norteamericanas, unhas 6.000 copias. Tal feito nunca se chegou a cumprir por parte de compañía española, nin sequera tras recibir un adianto de 78.000 dólares da man de Limited Run Games, para os gastos xerados durante este movemento comercial.

Xunto ao comunicado de Limited Run Games, Games Industry publicou un extenso artigo no que explica todo o acontecido ao redor da publicación deste xogo e a demanda interposta por Limited Run Games a BadLand Games.

Mentres a polémica comezaba a correr como a pólvora por todos os medios do sector, Dan Adelman, produtor do título, sinalaba no seu perfil de Twitter que a distribuidora española debía aos creadores de Axiom Verge a impoñente cifra de 200.000 dólares.

De onde sae esa débeda? BadLand prometeu aos creadores de Axiom Verge que o 75 % dos beneficios obtidos polas vendas do título irían destinados aos gastos médicos do fillo de Thomas Happ, máximo responsable do videoxogo, que padece unha serie de problemas neurolóxicos que afectan á súa mobilidade. Esta información fíxose pública no 2017, aínda que nunca trascendeu que BadLand non cumprira co acordado.

O feito de que Limited Run Games sexa agora a editora responsable do lanzamento pasa, evidentemente, pola perda de confianza na compañía española. A empresa estadounidense sinala directamente a Luís Quintans como responsable, coñecido na península por ser tamén o presidente da Asociación Española de Empresas Productoras y Desarrolladoras de Videoxogos y Software de Entretenimiento (DEV), ente que hai unhas semanas publicaba o seu Libro Branco do Desenvolvemento Español de Videoxogos.

A resposta de Quintans

Horas despois de que a nova fora amplamente coñecida por prensa e público, Luís Quintans publicou a través de Twitter un comunicado no que expón a súa versión dos feitos, tanto en castelán como en inglés.

Ao longo das liñas que o CEO de BadLand fixo públicas, explica que nin el nin a empresa negáronse «xamais» a pagar a débeda que a día de hoxe manteñen cos creadores de Axiom Verge e con Limited Run Games, e que tería «documentación que o demostra». Así, aínda que o pago nunca se chegou a realizar, tampouco se suprimiu tal asunto dos plans de futuro da editora.

Segundo Quintans, a empresa foi pagando as súas débedas «na medida das posibilidades», escudándose pois na mala situación da compañía á hora de realizar pagos externos. Seguindo o fío arredor do port de Wii U, sinala que foi un proceso cheo de dificultades porque a empresa que fixera o port dixital «enviou o código portado co seu motor», o que xerou unha carga de traballo extra para Badland e para Nintendo. Nese momento, a SL atopábase sumida nun «grave problema financeiro que non posibilitou a produción».

Ao longo do comunicado, o executivo deféndese da acusación de fraude, e nega que se aproveitase da enfermidade do fillo de Happ, alegando que nunca podería facer tal cousa, máis aínda ao lembrar que o seu propio fillo sufriu dunha longa enfermidade durante varios anos.

Após da resposta de Quintans, falta coñecer agora o seguinte movemento das outras partes implicadas. Si que se pronunciou DEV, tamén a través de Twitter, cun pequeno texto no que di que despois do GDC da semana que vén, reunirase a xunta directiva para analizar os últimos acontecementos e «adoptar as decisións oportunas».

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

1 Comentario
  1. […] O Caso BadLand sacudiu a árbore da industria española do videoxogo. Un asunto no que se descubriu que BadLand Games debía 78.000 dólares á empresa Limited Run Games, cartos que debía usar para a creación dunha serie de copias físicas de Axiom Verge para Wii U e a súa distribución en Estados Unidos. A compañía norteamericana insinuou tal asunto vía Twitter e logo continuaron caendo as fichas de dominó. Dan Adelman, produtor do título, sinalou que a distribuidora española debía aos creadores do videoxogo e a impoñente cifra de 200.000 dólares. BadLand prometera aos creadores de Axiom Verge que o 75 % dos beneficios obtidos polas vendas do título irían destinados aos gastos médicos do fillo de Thomas Happ, máximo responsable da obra dixital. […]

    Responder
Dejar unha resposta a Luís Quintans dimite de DEV tras o Caso BadLand – Revista Morcego Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *