Actualidade A primeira grande actualización de Monster Hunter Rise chega este mércores

A primeira grande actualización de Monster Hunter Rise chega este mércores

Capcom non para e continúa axitando a cesta de Monster Hunter. A través dun evento dixital, a compañía xaponesa ofreceu novos datos sobre Monster Hunter Stories 2: Wings of Ruin e comentou as novidades da nova actualización de Monter Hunter Rise.

Do primeiro, explicaron un chisco máis sobre o sistema de combates, por quendas; con danos elementais e ataques combinados. Tamén foi posto sobre a mesa o regreso de Lilia e Reverto, da entrega orixinal. Chegará o 9 de xullo a Switch e Steam. Se queres xogar o primeiro deberás acutir á Google Play ou á App Store.

Pola súa banda, Monster Hunter Rise recibirá este mércores, 28 de abril, a súa primeira actualización relevante e de balde. Van ser engadidos tres novos monstros ademais dun grupo de Apex, variacións máis desafiantes dos monstros que xa estaban presentes, ademais de novas armas e armaduras.

Iso si, o «novo final» para a aventura chegará en maio, con outra actualización, a Ver. 3.0. Iso si, de pago serán os cupóns para cambiar a aparencia ao personaxe, pois só podemos facer o primeiro cambio sen pagar. Ten certo delito isto, pero non é a primeira vez que un videoxogo implementa este tipo de sistema.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.