Actualidade A primeira mostra virtual de videoxogos galega en 360º xa é unha realidade

A primeira mostra virtual de videoxogos galega en 360º xa é unha realidade

O seu tútilo ben resume a súa esencia. A historia dos videoxogos en 360º convértese desde hoxe na primeira exposición virtual sobre videoxogos no país. A mostra dixital aproveita o escenario físico do MARCO vigués, onde habitará durante os próximos días con motivo da celebración das II Xornadas Videoxogo e Literatura. Medio século de historia concentrado en diversos fitos para o medio.

Consolas, títulos, periféricos… A exposición creada polo Museo do Videoxogo centra a súa mirada en auténticas xoias de colección, como a Magnavox, primeira consola como tal da historia; sen deixar de lado sistemas máis coñecidos como PlayStation ou Famicom.

Desde as 18 horas deste 9 de setembro, a exposición permanecerá aberta ao público dentro do museo situado en rúa Príncipe. Durante a fin de semana, están programadas un par de visitas guiadas na que os seus organizadores detallarán con maior profundidade o valor das pezas expostas. Sexa como for, a partir desta mesma tarde tamén é posíbel andarmos de xeito virtual por estes corredores a través da seguinte ligazón, que permite ver diversas imaxes da exposición en 360º e acceder a completos e ilustrativos indicadores de información.

A continuación podes vela de xeito directo, pero lembra poñela en pantalla completa!

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.