Actualidade A revisión de The Legend of Dragoon continúa no aire

A revisión de The Legend of Dragoon continúa no aire

Hai unhas semanas, os rumores situaban a Bluepoint Games —responsábeis da reconstrución de Shadow of the Colossus— como un dos estudios interesados en realizar unha revisión de The Legend of Dragoon. Unha marca descoñecida por boa parte do público, considerada de culto por moitos, e que ben podería ser definida como a resposta de Sony a finais dos 90 á saga Final Fantasy. O resultado? Un RPG cunha historia apaixonante, aderezado cun sistema de combate moi activo e, vinte anos despois, sen unha continuación.

A compañía xaponesa confirmou recibir ecos sobre este asunto. Shuhei Yoshida, presidente de Sony World Wide Studios, falou durante o Tokyo Game Show con GameBraves e recoñece ter coñecemento desas peticións. Ora ben, tamén sinalou que non existe proxecto algún confirmado para atender este tema, sexa como un remake ou unha remasterización.

«Poderiamos facer unha remasterización rápida do xogo orixinal, pero a xente daríase conta de que é algo feito a bulir e todo o mundo quedaría decepcionado», explica. Yoshida. Así, segue no aire a posible volta dun título, unha chama reavivada tras un tweet de Peter Dalton no que sinalaba o seu amor pola obra orixinal de Dart, Rose e compañía.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *