Actualidade A saga Forza acende o motor en Steam co lanzamento de Forza Horizon 4

A saga Forza acende o motor en Steam co lanzamento de Forza Horizon 4

Dispoñíbel  para PC a través da aplicación Xbox ou a Microsoft Store, a saga Forza non está incluída dentro do catálogo de Steam. O 9 de marzo será cousa do pasado este asunto. Forza Horizon 4 chegará á tenda de Valve para alegría de todos aqueles usuarios que, por calquera motivo, tentaran evitar a súa presenza nas tendas da compañía de Redmond.

O título de Playground Games segue o camiño doutras sagas como Gears of War o Halo, que, aos poucos, foron aparecendo en Steam ao longo dos últimos meses. O xogo xa conta con ficha de se dentro da tenda, e pode ser engadido á lista de desexados, malia que non está indicado o seu prezo de venda. A día de hoxe segue a contar cun prezo de 64,99 euros na tenda oficial da casa, pero está incluído no Xbox Games Pass.

Sexa como for, Forza Horizon 4 abre a posibilidade de percorrermos un mundo aberto situado en Gran Bretaña e as súas estradas, con máis de 450 vehículos dispoíbeis e unha infinidade de competicións, aparecendo tamén coas chamadas estacións dinámicas, que mudan o aspecto do xogo a medida que avanza o ano natural.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.