A saga Turok resucita e volve moi cambiada con Escape from the Lost Valley

A saga Turok resucita e volve moi cambiada con Escape from the Lost Valley

Trátase dunha franquía veterana, con moitas historias ás súas costas. A saga Turok comezou aló por 1997, en Nintendo 64, e presentouse como un orixinal shooter en primeira persoa, cargado de violencia, sangue e, si, dinosauros. Tras unha ausencia de máis dunha década —o último dos seus títulos foi editado para PS3, PC e Xbox 360 no 2008— Pillow Pig Games foi o estudio encargado de revivir o seu nome de xeeito sorprendente. E faino por partida dobre, tanto pola proximidade de lanzamento; como polo seu aspecto gráfico e mecánico, moi diferente ao orixinal.

A nova aventura titúlase Turok: Escape from the Lost  Valley, e preséntase ao mundo como un shooter 2D con vista isométrica e un apartado visual máis próximo ao cinema ou as series de animación que ao ton habitual da saga. A súa existencia confirmouse hai apenas unhas horas, ao aparecer a súa ficha en  Steam. Nela aparece unha data de lanzamento, o 25 deste mesmo mes de xullo.

O título semella que terá un ton máis desenfadado, cunha liña artística moi concreta e cos dinosauros tamén como protagonistas. Segundo parece, a idea de crear unha nova historia baixo esta visión nace dun ‘programa’ organizado por Universal Studios, que propuxo a un selecto grupo de creadores traballar nalgunhas das súas licenzas, entre as que se atopaba tamén Regreso ao futuro, por exemplo. A continuación, podes gozar dun adianto.

O aspecto dos inimigos, adorábeis pero mortais, de seguro que chamará a atención a máis dun xogador —porén, a acollida en foros e comentarios está a ser bastante negativa—. Polo momento, non hai un prezo confirmado para adquirilo o día de lanzamento. Doutra banda, baixo a licenza de Universal Studios Interactive Entertainment tamén apareceu en Steam, con data de saída para o mesmo día que o renacer da saga Turok, un xogo de quebracabezas e estratexia chamado Voltron: Cubes of Olkarion. Este título estaría desenvolto por  Gbanga.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

1 Comentario
    • gameplay en galego
    • En: 11 de Xullo de 2019

    pois si que cambiou xD

    Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *