Actualidade A serie de Resident Evil para Netflix xa é un asunto oficial

A serie de Resident Evil para Netflix xa é un asunto oficial

Semella que Netflix quere seguir apostando polos videoxogos reconvertidos en producións televisivas. Após a boa acollida do anime Castlevania e a serie The Witcher —malia que tome os libros como base principal—, a plataforma americana creará e distribuirá unha produción baseada na mítica franquía Resident Evil.

A nova chega despois dun ano de rumores respecto disto, confirmados agora cun simple chío, no que se sinala que a produtora encargada da súa realización será a mesma que a das películas de Milla Jovovich. «Cando as mozas Wesker chegan a New Raccoon City, os segredos que descobren poderían supoñer o final de todo», reza o comunicado de Netflix en Twitter.

Segundo explican dende The Hollywood Reporter, a nova serie de Resident Evil contará unha historia dividida en dúas épocas distintas. Unha parte estará ambientada nesta versión de Raccoon City, onde as irmás de 14 anos Jade e Billie Wesker fan as maletas e chegan até a mítica cidade e alí comezan a descubrir os escuros segredos que agocha. A segunda liña temporal estará ambientada en un futuro apocalíptico, onde unha Jade de 30 anos trata de sobrevivir sabendo as historias do seu pasado, sobre ela, a súa irmá, e tamén sobre o seu pai.

Non hai data, mais si está confirmado que serán oito episodios dunha hora de duración os que compoñerán esta primeira tempada, e de momento única. Paga a pena lembrar que tamén Dragon Dogma, Cyberpunk 2077 e Cupedhead recibirán adaptacións para Netflix.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.