A Terra Media: Sombras de Mordor apagará os seus servidores ao final deste ano

A Terra Media: Sombras de Mordor apagará os seus servidores ao final deste ano

O vindeiro  31 de decembro, o último día deste estraño e difícil 2020, A Terra Media: Sombras de Mordor pechará os seus servidores en liña. Os responsábeis do título decidiron deixar de prestar este servizo dentro do xogo, polo que non poderemos facer uso das distintas funcións en liña coas que si conta a día de hoxe.

O aviso partiu de Warner Bros. e foi ofrecido en todas as tendas dixitais onde está dispoñíbel o xogo, consola ou PC. Que perderemos? A Forxa de Némesis, por exemplo, deixará de ser operativa. Tampouco poderemos transferir némesis co seguinte título, Sombras de Guerra. Desaparecerán as misións de desquite e os marcadores. Ademais, o programa WBPlay non poderá ser usado, polo que as runas épicas Cazador de orcos e Aparición serán entregadas de xeito automático.

A Terra Media: Sombras de Mordor viu a luz no ano 2014 e consagrouse como un excelente xogo de acción que tomaba influencias da franquía Assassin’s Creed ou dos títulos de Batman: Arkham. Gozou dun enorme éxito, o que propiciou a chegada dunha secuela que, en números redondos e como resumo, estivo menos acertada ca primeira entrega. Emporiso, a obra que en dous meses pechará os seus servidores converteuse nun dos xogos máis exitosos sobre o universo de J. R. R. Tolkien, que tomaba como base e manipulaba a pracer.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados