A Torre de Hércules de Gato Studio iluminará o congreso Mundos Dixitais

A Torre de Hércules de Gato Studio iluminará o congreso Mundos Dixitais

Arrincou este xoves na Coruña, o congreso internacional de animación, efectos visuais e novos media Mundos Dixitais. Trátase dun evento no que se dan cita algúns dos mellores profesionais da industria dos contidos dixitais, artistas, estudantes e persoas interesadas no mundo dos gráficos por computador para descubrir, debater e establecer relacións de traballo. Este ano alcanza a súa XVIII edición, e ten por escenario a sala de exposicións PALEXCO , no Peirao de Transatlánticos.

Gato Studio, compañía coruñesa de videoxogos, estará presente dentro da axenda de Mundos Dixitais, cunha conferencia titulada The Waylanders: Creando a mítica Brigantia a partir da Coruña real. A charla será impartida por Sergio Prieto, CEO do estudio, e nela detallará o proceso de creación do mundo de The Waylanders, futuro videoxogo de rol ambientado na Galiza celta e medieval. Aínda que se trata dunha obra de fantasía, inspírase na mitoloxía e lendas galegas de épocas pasadas e desenvólvese en localizacións emblemáticas, como a Torre de Hércules, a Catedral de Santiago, a Illa de Ons ou Ézaro, entre outras.

O proceso para levar estes lugares da realidade ao videoxogo inclúe un traballo de documentación histórico e arquitectónico, adaptación artística, modelado, texturizado e outros moitos factores que serán explicados na conferencia, este venres 12 de xullo, ás 10 horas na Sala Lightbox Academy, un dos segmentos que terá o congreso. Un dos eixos centrais da conferencia será a Torre de Hércules, debido a súa estreita relación entre A Coruña e a lendaria Brigantia que se mostrará en The Waylanders. O gran faro da cidade, que terá unha importante presenza dentro do videoxogo, vén de celebrar os 10 anos desde que a Unesco decidiu incluílo na súa listaxe de lugares considerados Patrimonio da Humanidade.

The Waylanders, un avance constante

Como seguramente saibas, The Waylanders é un título de rol que se lanzará en 2020 e que está a ser desenvolto por Gato Studio, unha compañía con 9 anos de experiencia no sector. O desenvolvemento está a ser realizado integramente en Galicia, por un equipo de 40 persoas, apoiado por figuras internacionais como Mike Laidlaw, director creativo da galardoada saga Dragon Age, e Emily Grace Buck, escritora de videoxogos tan exitosos como The Walking Dead, Gardiáns da Galaxia ou  Batman: The Telltale Series.

Este agosto, Gato Studio volverá á Gamescom de Colonia, a feira con maior número de visitantes do mundo, para amosar as novidades máis recentes sobre a súa futura obra. No seu Kickstarter podes seguir todas as novidades sobre o desenvolvemento e creación deste RPG galego. Hai unhas horas, a través das súas redes sociais presentaban a dous dos novos personaxes que poderemos coñecer no seu mundo de fantasía celta.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados