A tradución ao castelán de Disco Elysium de Clan DLAN pasa a ser oficial
Coñecido por ser un grupo de tradución non oficial de videoxogos, Clan DLAN vén de anunciar que a tradución que estaba a levar a cabo de Disco Elysium pasará a ser integrada na obra de ZA/UM de xeito oficial, a pedimento da propia compañía.
Dentro do foro oficial do colectivo, Dogen, coordinador do proxecto que se iniciou en outubro de 2019, sinala que o estudio ucraíno xa lles deu acceso a materiais do xogo que serán moi útiles para rematar de revisar a tradución, xa case completa. «Xa estou en contacto directo con eles, cunha persoa que fala directamente comigo, e estamos a traballar xuntos para levar a tradución pronto ao xogo. De momento, xa temos os materiais oficiais que nos axudarán moitísimo na fase de revisión que levará a cabo xa pronto, xa que todos os textos están practicamente finalizados. Isto xunto con moitas máis cousiñas que iremos desvelando conforme vaia pasando o tempo», explica.
Nun principio, espérase que o parche coa tradución ao castelán estea listo o 20 de xuño, intre no que se iniciaría unha beta aberta coa idea de puír erros. Este plan mantense, malia que «podería cambiar nun futuro próximo», explica o coordinador.
A única dúbida sobre este traballo é se será remunerado para Clan DLAN, pois non transcendeu esta información. Algúns usuarios en redes sociais como Twitter, tradutores recoñecidos entre eles, amosaron as súas dúbidas coa decisión de ZA/UM. Non porque decidan, por fin, contar cunha tradución ao castellano, senón porque elixiran esta vía, sen contratar localizadores profesionais.
Hai uns días, o estudio ucraíno confirmou que estaba a traballar nunha versión de Disco Elysium para Nintendo Switch, un port que se uniría aos que xa estaban en camiño para PlayStation 4 e Xbox. Boas novas para un título que tiña limitado o seu acceso por mor da barreira do idioma e do sistema —só en inglés e en PC—, pero que se colocou como o gran referente independente de 2019, após levar catro premios nos Game Awards e recibir centos de críticas sobresalientes en todo o mundo.




