Actualidade A versión de nova xeración de Cyberpunk 2077 verá a luz o primeiro trimestre de 2022

A versión de nova xeración de Cyberpunk 2077 verá a luz o primeiro trimestre de 2022

Logo dun longo camiño, curvo e sinuoso, CD Projekt RED acaba de fixar unha xanela de lanzamento para a versión de nova xeración de Cyberpunk 2077. Verá a ñuz nalgún intre do primeiro trimestre do 2022, pouco antes de pechar o ano fiscal.

A compañía polaca fixo público o anuncio a través dun comunicado onde tamén confirma a xanela de lanzamento da versión next-xen de The Witcher 3: Wild Hunt, que verá a luz o trimestre seguinte —entre abril e xuño—.

Doutra banda, os responsables da compañía tamén aseguraron que seguen a traballar na grande expansión que debería chegar con esta nova versión, ou pouco despois da mesma, e que engdaría unha boa cantidade de contido, historia, obxectos, etcétera.

No que se refire ao público, hai poucos días produciuse un review bombing do título en Steam, aínda que neste caso rompeu a tónica habitual deste tipo de fenómenos, pois foi votado positivamente de xeito masivo. É sabido que CD Projekt RED foi corrixindo os diversos bugs e problemas de rendemento cos que contaba o xogo de lanzamento, até o punto de que a día de hoxe está moito moito máis preto de ser esa colosal pirámide dentro do medio que ía ser.

Non hai moito, a empresa polaca ampliou os seus equipos de traballo, que estarían a explorar «novos proxectos que se atopan nunha etapa temperá de desenvolvemento». Por suposto, nada se sabe deles e tocará esperar.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.