Actualidade A visual novel Necrobarista fixa a súa estrea en PC e consolas o 22 de xullo

A visual novel Necrobarista fixa a súa estrea en PC e consolas o 22 de xullo

Imaxínas un bar onde os mortos poden visitar o mundo dos vivos? Esa é a premisa inicial de Necrobarista, a visual novel que chegará a PC, Switch e PlayStation 4 o vindeiro 22 de xullo. Trátase dun título que comezou o seu desenvolvemento hai tres anos, con data inicial de lanzamento para o 2019, pero os seus responsábeis quixeron puír ao milímetro cada un dos seus detalles.

Alén da evidente definición que o estudio achega, Necrobarista tamén experimentará con outros estilos de xogo, como a exploración en primeira persoa ou a resolución de crebacabezas. A protagonista do xogo preséntase como Maddy, unha nigromante que aceptará un posto no famoso café máxico; o seu traballo consistirá en tratar e vixiar os espíritos que cheguen, amais das típicas tarefas dunha camareira.

Cunha estética anime, Route56 presenta unha proposta «ambiciosa», seguindo as súas propias palabras. Trátase do seu debut dentro da industria do videoxogo. Unha obra adulta que non deixa de lado o humor. Kevin Penkin, gañador dun Bafta por Florence, é o encargado de poñer a música.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.