Activision Blizzard elimina todos os seus xogos de Nvidia GeForce Now

Activision Blizzard elimina todos os seus xogos de Nvidia GeForce Now

Sen motivo aparente, polo menos non público, os títulos de Activision Blizzard xa non están dispoñíbeis dentro da plataforma de xogo na nube de Nvidia GeForce Now. A propia compañía especializada en tecnoloxía gráfica informou deste asunto a través dun comunicado nos seus foros.

O anuncio non achega ningunha información relevante sobre por que a compañía estadounidense xa non quere continuar no servizo defendido por Nvidia, ao lembraren que seguirán engadindo xogos constantemente, malia que en ocasións teñan que ser eliminados algúns, igual que calquera outra plataforma.

«Por petición expresa, os xogos de Activision Blizzard eliminaranse do servizo. Aínda que resulta desafortunado, esperamos a traballar con Activision Blizzard para poder volver ter estes xogos no futuro. Amais dos centos de xogos compatíbeis actualmente, hai máis de 1.500 solicitudes de xogos que as desenvolvedoras queren engadir ao servizo. Teredes actualizacións semanais sobre os xogos novos que estamos a engadir», sinálase na nota. Quizais o acordo económico non sexa favorable para Activision Blizzard e queira renegocialo dalgún xeito, ao non estar pechada a súa volta nun futuro.

Deste xeito, Call of Duty, Overwatch ou Diaño xa non están dentro do catálogo de Geforce Now. Por se non o coñeces, trátase dun servizo similar a Stadia, pero sen ter que realizar compras dos xogos no seu catálogo, senón que transmitimos a nosa biblioteca persoal desde os servidores de Nvidia ao dispositivo que queiramos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.