Activision xera confusión coas diferentes edicións físicas de COD: Black Ops Cold War
Unha vez presentadas as versións dispoñíbeis de Call of Duty: Black Ops Cold War, as dúbidas comezaron a xurdir entre a comunidade. Activision confirmou que un pack cross-gen dixital estará preparado por dez euros máis que o resto de versións e que garante o acceso ao xogo na actual xeración de consolas e en PS5 ou Xbox Series X.
O problema xorde cando poñemos a lupa sobre as edicións físicas. Desde a compañía sinalan que aqueles que adquiran a versión estándar do título para Xbox One, non poderán adquirir a mellora para Xbox Series X. Poderase xogar a Call of Duty: Black Ops Cold War mediante a retrocompatibilidade en disco, pero os beneficios do cambio de consola non se producirán.
A confusión que xerou Activision non remata aquí. A versión estándar de Xbox Series X física si que permite xogar á versión de Xbox One. Por outra banda, no caso de PS4 podemos pagar o extra de dez euros para obter a mellora para PS5, pero a versión física de PS5 non dispón dunha copia para a xeración actual.
Descoñécense os motivos que orixinan estas decisións tan controvertidas e confusas para os usuarios. En calquera caso, as versións dixitais non contarán con estes problemas, polo que se antollan como opcións seguras para gozar de todo o contido posible.




