Actualidade Aeon Must Die, interese e acusacións de crunch o día da súa presentación

Aeon Must Die, interese e acusacións de crunch o día da súa presentación

Convenceu e atrapou os espectadores do último State of Play polo seu impresionante acabado gráfico, futurista, luminoso e en 2D, pero Aeon Must Die tamén recibiu, á vez que encomios, diversas acusacións de crunch e falta de pagamentos entre os seus empregados.

O título, que se presenta como unha aventura de acción en 2D e unha estética máis que interesante, foi unha das sorpresas máis rechamantes do evento de Sony. No videoxogo controlaremos a Aeon, personaxe que dá nome á obra, nunha historia de vinganza e traizón, na que percorreremos a cidade de Pantheon, avanzando por ela aos poucos e desbloqueando elementos e habilidades propios do xénero RPG.

Co seu lanzamento confirmado para o ano 2021, non se sinalou unha data máis concreta, aínda que aparecerá en PC, PS4, Xbox One e Nintendo Switch.

A sombra do crunch

Tal e como adiantaba o parágrafo inicial, a felicidade inicial do anuncio viuse truncada coas graves acusacións de falta de pagamentos ou crunch que foron aparecendo nas redes sociais, onde varios membros do estudio Limestone Games, con sede en Estonia, aseguran que abandonaron o proxecto após sufriren toda clase de abusos por parte da directiva.

A través dunha ligazón nun vídeo de YouTube publicado no nome destes traballadores, é posíbel achar unha serie de documentos extensos e exhaustivos nos que se explican e sinalan todos os abusos sufridos polo equipo de desenvolvemento de Aeon Must Die durante a súa produción. «Aeon Must Die foi un xogo creado por unha serie de persoas que en xuño de 2020 tomaron a decisión de protestar pola súa situación no estudio Limestone Games contra o seu fundador. As razóns foron insoportables condicións de traballo, abusos, corrupción, manipulación e un  crunch sen fin», explícase na introdución dun deles.

Toda a documentación que se achega no cartafol de dropbox inclúe transcricións de correos electrónicos e capturas, así como audios con probas do equipo de desenvolvemento para demostraren todas as acusacións sobre o CEO da empresa e outros cargos. Existen máis de 13 cartafoles con testemuños de diferentes membros do estudio, xunto con documentos nos que se expón o software de carácter ilegal que se lles facilitou para a produción do xogo, como copias piratas de Photoshop ou Adobe Premiere. O estudio aínda non respondeu oficialmente.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.