Age of Empire 2: DE recibe unha actualización e estrea un novo modo Battle Royale
Un ano despois da súa saída ao mercado, Age of Empires II: Definitive Edition anunciou unha curiosa sorpresa a modo de festa de aniversario: o título engadirá un modo battle royale co obxectivo de achegar un novo punto de vista dentro da saga de estratexia máis famosa da industria do videoxogo.
Neste novo modo enfrontaranse até oito xogadores entre si, en cinco mapas especiais, co obxectivo de tentar ser os últimos en pé. Cada participante ten dúas unidades de heroe e poderá explorar o mapa en busca de edificios e recursos, aínda que calquera outro xogador pode esnaquizalos nese intre, eliminando os seus defensas. Cantos máis recursos teñamos máis unidades recibirán os adversarios para lles facer a partida máis difícil. E si, o escenario irá reducido o seu tamaño na medida que pasen os minutos, polo que non só bastará con forza bruta, a estratexia será máis que precisa.
Outra das novidades que se engadirán coa actualización será o Quick Play, unha ferramenta que lle permitirá aos xogadores establecer de xeito rápido o tipo de xogo e as preferencias do mapa para crear partidas con máis axilidade. O parche tamén corrixe algúns problemas de equilibrio e outros erros menores.
A través do bloque oficial de Microsoft podes consultar as notas oficiais da actualización que xa está dispoñíbel para a súa descarga.