Actualidade Age of Empires 4 será un dos protagonistas do X019

Age of Empires 4 será un dos protagonistas do X019

A piques de estrear o Age of Empires II: Definitive Edition —oficialmente sae o 14 de novembro— Microsoft non perdeu a ocasión de lembrar que nun breve lapso de tempo, pouco máis dun día, Age of Empires IV fará a súa primeira e relevante aparición pública durante o X019 que se celebra este xoves en Londres.

O executivo da marca Xbox, Aaron Greenberg, deixou unha suxestiva mensaxe no seu perfil de Twitter, que reza tal que así: «Unha nova era achégase», en clara referencia á aterraxe de novidades sobre o novo capítulo da franquía Age of Empires, desenvolto polo equipo de Relic Entertainment.

O certo é que a expectación que existe ao redor de Age of Empires IV non é pouca. O último título numerado da saga viu a luz no ano 2005, para logo aparecer o errado Age of Empires Online. Non son poucos os xogadores veteranos que lembrarán algúns dos seus mellores momentos diante dunha pantalla mentres gozaban dunha das entregas pasadas, integradas hoxe como parte da cultura xeral ou popular —o wololo é pura mitoloxía fónética—.

Microsoft confirmou que o X019 será precedido polo Xbox Inside máis grande até hoxe e si, de seguro, mostraranse as primeiras imaxes da cuarta entrega numerada da famosa serie de xestión e estratexia. O evento iniciará a súa retransmisión este xoves 14 de novembro ás 21 horas. Segundo a propia compañía, presentaranse máis dunha decena de novas obras.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.