Alienware presenta Concept UFO, a máquina que lembra a Nintendo Switch

Agardábanse sorpresas durante a CES 2020, unha das maiores feiras de tecnoloxía de todo o mundo, e houbo. A expectación rodeaba á presentación de Sony pero finalmente os focos e as miradas pousáronse sobre a proposta de Alienware, como unha das marcas gaming máis relevantes do sector, e o seu Concept UFO.
Cun deseño que lembra poderosamente a Nintendo Switch, Concept UFO trátase dunha plataforma cuxo obxectivo é o de correr xogos de PC a través do sistema de Windows 10. Como se pode ver, os mandos que se atopan a ambos os dous lados da pantalla son extraíbeis, tendo en conta o xogo que esteamos a gozar. Conta cunha pantalla táctil de 8 polgadas, alcanzando os 1900×1200 píxeles. Doutra banda, o seu peso triplica á da consola de Nintendo, chegando ata un quilogramo.
Respecto ás entrañas de Concept UFO, revelouse que dispón dun Intel Core de 10ª xeración e que, segundo os seus creadores, é capaz de correr xogos triplo A. Entre os títulos que se amosaron están: F1 2019, Mortal Kombat 11 ou Rocket League. Alén disto, aparece a posibilidade de conectar todo tipo de mandos e periféricos, xa que dispón dun USB tipo C.

Concept UFO aplica os principios básicos de Nintendo Switch no seu propio deseño.
A pesar da información achegada, aínda se descoñecen moitos datos sobre Concept UFO, como a súa data de lanzamento, duración da batería, etc. Polo de agora, tan só podemos asegurar que se trata dun prototipo experimental, polo que haberá que esperar para comprobar os pasos que dá Alienware.