Amazon entra na guerra do xogo na nube con Luna

Cando Google Stadia foi presentado, non poucos viron que unha nova competición tecnolóxica e comercial aparecía no horizonte. Xogar sen descargas, nun computador a miles de quilómetros, na nube, por streaming; un catálogo que evolucione, un pago mensual… Soaba demasiado ben para ser certo, por iso o proxecto do xigante tecnolóxico non conseguiu convencer na súa primeira acometida: demasiados fallos, demasiadas preguntas e poucos xogos. Amazon presentou hoxe Luna, a súa proposta de xogo na nube.
Alén das diferenzas, que as hai, é fácil dicir que Luna é o Stadia da maior tenda do planeta a día de hoxe. Con Twitch á alza, o certo é que resulta mesmo natural que a compañía de Jeff Bezos tente asaltar a industria do videoxogo a través dunha proposta deste tipo. Que ofrece?
- Prezo: 5,99 dólares ao mes
- 4K/60FPS en títulos concretos
- Chegará para PC, Mac, iOS (Android despois)
- Máis de 100 xogos dispoñíbeis no catálogo
- Integración en Twitch
«Presentamos Luna, o servizo de xogos na nube de Amazon, onde é fácil xogar xogos xeniais en dispositivos que xa posúes. Non agardes longas descargas ou actualizacións, só xoga», reza a descrición oficial da páxina oficial, xa aberta ao público. Nela, podes solicitar xa un acceso previo ao servizo coa idea de comezar a mellorar a experiencia do mesmo. Está confirmada a presenza de títulos de Ubisoft, Capcom, 505 Games e Team 17.