Analogue Pocket, unha futura consola retro que funcionará coma seis
Se es dos que pasou algúns dos mellores intres da súa vida como xogador cunha GameBoy, é moi posíbel que a Analogue Pocket chegue a ser a túa nova mellor amiga. A empresa Analogue vén de anunciar a súa nova máquina, unha portátil de corte retro e pura nostalxia.
A Pocket permite utilizar cartuchos orixinais e imita o funcionamento de non unha, senón de varias consolas portátiles que gozamos hai anos. A empresa, con experiencia no sector, —lanzou Analogue Super NT, Analogue Mega SG e Analogue NT— presenta unha máquina totalmente legal, xa que non depende de descargas. É dona dun deseño rechamante, inspirado na vella GameBoy de Nintendo, pero cunha pantalla de alta definición, altofalantes en estéreo, controis configurabéis e batería de litio.
A que poderás xogar coa Analogue Pocket? Poderás gozar de todos os xogos que teñas de GameBoy, GameBoy Color, GameBoy Advance, Sega Game Gear, Atari Lynx e Neo Geo Pocket Color, usando simplemente adaptadores para cada cartucho. A consola tamén inclúe algunhas outras funcións, como un programa chamado Nanoloop, que permite crear música.
Doutra banda, Analogue confirmou que nun futuro lanzarán tamén un Dock para poder enviar a imaxe da nosa consola até a televisión, e así gozarmos dos vellos xogos como nunca antes puidemos a través dun cable HDMI. Venderase por separado.
A mala nova é que a compañía non deu unha data de lanzamento exacta, tan só que sairá no 2020. Si hai prezo: uns 199 dólares.