Actualidade Animal Crossing: New Horizons pon o abrigo coa súa actualización de inverno

Animal Crossing: New Horizons pon o abrigo coa súa actualización de inverno

Éxito absoluto e colosal deste ano para Switch, Animal Crossing: New Horizons segue a recibir novo contido para se adaptar ás estacións que van chegando ou quedando atrás. Achégase o inverno, winter is coming, e o título de Nintendo recibirá contido para lembrar que o Nadal xa está aí, enchendo as súas paraxes de neve e novos visitantes.

A actualización ten a súa estrea fixada o 19 de novembro, e engadirá tamén a transferencia de datos de gardado. Ao longo das próximas semanas iranse sucedendo eventos especiais moi concretos, como o Día do Pavo, o 26 deste mes; ou o Día dos Agasallos, o 24 de decembro. Así é, Papá Noel pasará este ano polas illas da obra máis vendida este ano na consola híbrida.

Tamén serán engadidos novos artigos para comprar coas Millas Nook, e haberá nove emocións completamente novas para compartir co mundo o noso estado de ánimo de forma. En definitiva, un chisco de todo. Tamén veremos ampliada á a capacidade do rocho, que pasará de 1600 a 2400 obxectos.

A actualización é, por suposto, de balde. Nun principio, non chegará outra até finais de xaneiro, segundo explicou a compañía xaponesa, malia que non ofreceu máis datos sobre esta vindeira actualización.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.