Aniversario Morcego :: Patreon, novidades e novas metas
Como pasa o tempo! Case un ano desde que Revista Morcego viu a luz. Fíxoo como un proxecto xornalístico cun obxectivo claro: retomar a existencia dun espazo na Rede onde poder escribir, falar e escoitar sobre videoxogos. Por suposto, videoxogos como cultura, como futuro, como presente e como algo do que todos e todas gozamos. Ese obxectivo, dámolo por cumprido. Contraemos unha débeda impagábel con todos os que entrades todos os días, as semanas, os meses ou, simplemente, caestes un bo día polos nosos dominios.
Ese obxectivo que tivemos dámolo por cumprido. Morcego funciona e, dalgunha maneira, non hai maior honra que ver como comentades, citades ou compartides o traballo que viñemos facendo. Usuarios, estudios e empresas do sector, tamén.
Queremos medrar. Queremos dar o seguinte paso, e iso pasa por non ser dependentes. Sempre que alguén preguntou, contestamos de xeito transparente. A revista vive e camiña grazas a Carlos Pereiro, o que escribe estas liñas e que puxo os cartos para a súa creación, o que pagou o seu deseño, o seu dominio e todo gasto derivado da web este teempo, e que tamén escribe, coordina e dirixe. E así seguirá. A supervivencia de Morcego non depende do que a continuación se expoña, senón que as palabras aquí expostas irán destinadas a falar de crecemento e melloría, de calidade e de profesionalidade.
Imos lanzar un Patreon. Que é iso?! Algúns estaredes familiarizados con este asunto. Trátase dunha plataforma na que un pode subir o seu proxecto e que a xente realice achegas económicas mensuais. Non queremos depender ou encher a páxina de publicidade, queremos que sexa a comunidade a que pague o traballo que realizamos. Canto? Iso, como podes ver noutros Patreon, é variable. Abonda dicir que poderedes apoiala con 2 euros, tamén con 40, iso será cousa de cada un. E non, Morcego non pasará a ser de pago. Estará aberta a todo o mundo, como sempre estivo e estará. É evidente que os que queiran colaborar mediante esta plataforma obterán beneficios, pero xa haberá tempo para detallar cales serán na publicación onde explicaremos con detalle este tema. Pronto, nun par de semanas. Lanzaremos este proxecto o 1 de setembro.
¿Os seux obxectivos?
- Facer da páxina un ente dixital autosuficiente, non depender da economía do seu director
- Poder pagar aos colaboradores
- Crear un novo podcast monográfico mensual ademais de expandir en duración e contido do xa existente, A Gruta de Gizamaluke
A cousa non remata aquí. O Patreon é só un dos próximos asuntos nos que a páxina se verá envolta, pois o outro gran obxectivo de Morcego que sempre tivo é o de expandir a cultura, defendela e fomentala. Así, xa comezamos a traballar de novo coa Fundación Carlos Casares e o Museo do Videoxogo (MUVI) para a realización dunha serie de mesas redondas, charlas técnicas e unha exposición en Vigo cos Videoxogos e a Literatura como principio. Trátase dunha continuación ao evento xa realizado con éxito este ano, pero como se adoita dicir nestes casos: máis e mellor. Isto será entre abril e mazo. Iremos informando, claro.
Doutra banda, tamén participaremos no Pont-Up Store deste ano, punto de encontro entre emprendedores e profesionais, celebrado en Pontevedra. Alí poderedes coñecernos, falar e xogar. Tamén colaboraremos nunha serie de charlas. Iremos informando.
De momento, isto é todo. Con ganas de que chegue setembro, de retomar o podcast, de lanzar ese Patreon e de medrar e facer máis cousas grazas á vosa axuda. Aquí estamos e aquí seguiremos, pero imos ser mellores.