Anthem quédase lonxe das predicións de Electronic Arts

Anthem quédase lonxe das predicións de Electronic Arts

Electronic Arts vén de facer públicos os datos económicos correspondentes ao último informe financeiro da compañía. O documento posúe diversa e variada información, pero destacan dous elementos por encima de calquera: o fracaso de Anthem e o bo funcionamento de Apex Legends.

O título de BioWare recibiu moitísimo menos apoio do esperado e as vendas esperadas quedaron lonxe dos prognósticos. Pouco antes do seu lanzamento, a compañía sinalou que contaba con unhas previsións de 5 a 6 millóns de unidades para finais de marzo, nada máis lonxe da realidade actual. Nin sequera os micropagos compensaron a balanza dos cartos.

Os ingresos deste último trimestre víronse reducidos nun 22 % respecto ao mesmo período do ano pasado, preto de 1.200 millóns de dólares. Se falamos do ano fiscal completo, os ingresos netos de EA baixaron nun 4 %, ata os 4.950 millóns de dólares. Son datos importantes e cos que a empresa norteamericana deberá lidar.

Dentro da propia documentación de EA explícase que «o lanzamento de Anthem non cumpriu as expectativas de Electronic Arts», aínda que é certo que tamén se sinala que o equipo do título seguirá traballando nel, tratando de melloralo na medida do posible, buscando atraer novos compradores e fidelizar aos que xa o adquiriron. «O equipo agora está moi centrado en mellorar o xogo e traer actualizacións de contido ou eventos que melloren e amplíen a experiencia de  Anthem. Cremos no equipo de BioWare e o que van conseguir co xogo, construír unha nova licenza que combine xéneros para alcanzar nova audiencia».

Apex Legends, o heroe de EA

A través dun lanzamento sorpresivo e unha estratexia de márketing totalmente orientada ao mesmo día da súa estrea, Apex Legends foi un sopro de aire fresco que os usuarios de consolas e PC recibiron como se debía. Ás poucas semanas, o xogo converteuse no salvador do ano para Electronic Arts xunto ás franquías deportivas habituais. A día de hoxe, o título perfílase como a aposta a medio prazo máis potente que a compañía posúe.

No informe financeiro coméntase que o título de Respawn sitúase como «a franquía de máis rápido crecemento» que pasou por Electronic Arts, polo que agardan seguir dándolle servizo e achegando actualizacións durante «moitos anos». Recoñecen, iso así, que o xogo ten un modelo de financiamento moi concreto, polo que aínda están a experimentar coas súas posibilidades económicas. De momento, as previsión falan de obter entre 300 e 400 millóns de dólares ao longo do próximo período financeiro.

Doutra banda, EA tamén recoñeceu os seus plans para levar o título a novas rexións e novas plataformas. O mercado chinés e o coreano, figuran como os máis apetecibles, así como a creación dunha versión móbil nos próximos meses.

Apex Legends converteuse nunha das grandes sorpresas do 2019.

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados